«A pandeireta é un instrumento que require moito ensaio»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

DANI GESTOSO

Destaca a importancia de seguir creando canteira folclórica

24 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Tiña só seis anos cando entrou en contacto co folclore e, desde entón, Noemí Riveiro nunca máis foi quen de vivir afastada dos sons tradicionais. Desde hai catro anos espalla a súa arte entre os veciños de Cabo de Cruz e mesmo impulsou a posta en marcha dunha asociación, A Fiadeira, co fin de organizar actividades que contribúan a potenciar a cultura galega.

-¿Como foi o proceso de espallar o folclore galego por Cabo de Cruz?

-Empecei hai catro anos no colexio, impartindo clases como actividade extraescolar e, pouco a pouco, funme abrindo camiño e formando un grupo de alumnos importante. A día de hoxe teño corenta, desde nenos pequenos ata avós.

-¿Hai entón interese pola cultura tradicional?

-Hai interese. Penso que o feito de organizar festivais e actuacións axuda a difundir o folclore e a ir medrando.

-Polo de agora imparten só clases de pandeireta pero, ¿pensan ir a máis?

-A nosa idea é ampliar, polo menos, con clases de gaita. O de baile non o vemos factible, pois a día de hoxe hai varios grupos en distintos puntos do municipio pero, se houbese demanda, sería cuestión de estudalo.

-¿Considera doado aprender a tocar a pandeireta?

-Pasa moitas veces que veñen as persoas maiores pensando que é doado, porque o ven na televisión, e aos dous meses desisten. Non é tan complicado. De feito, hai nenos que nun par de meses controlan un montón. O que ocorre é que a pandeireta é un instrumento que require moito ensaio. Se gusta, non é difícil.

-¿Que lle engancha aos nenos?

-Aos nenos gústanlle as cancións, aprender temas que ao mellor lle escoitaron aos pais ou aos avós. Ademais, a pandeireta é un instrumento ruidoso, que se pode levar a calquera lugar.

-Vostede ten un número importante de alumnos, ¿conclúe entón que o folclore atravesa un bo momento?

-Cada vez hai máis gaiteiros e pandereteiras, sen dúbida. No que respecta a Barbanza, penso que o folclore goza de boa saúde. Se seguimos creando canteira e transmitindo a afección de pais a fillos, isto non se vai perder nunca.

-¿Foi isto o que a levou a impulsar a creación do colectivo A Fiadeira?

-Vía que os alumnos tiñan un nivel moi aceptable e quería que non se limitaran a vir a clase. Aos nenos, sobre todo, gústalles moito darse a ver. Do que se trata é de ter un nome e de darnos a coñecer.

-¿Enmárcase nesa liña o festival que veñen de celebrar en Cabo de Cruz?

-Si, montamos unha foliada para que os nenos tiveran ocasión de desenvolverse sobre o escenario. A eles encantoulles a experiencia.

-¿Haberá máis?

-Temos idea de organizar unha gran foliada en Cabo de Cruz para o verán, que incluirá obradoiros para os nenos.