A punta de Neixón, a espectacular paraxe na que se funden terra e mar, representa á perfección a vida de Xaquín España Fernández, un boirense que se confesa apaixonado dos tesouros que agocha o fondo mariño e tamén dos restos arqueolóxicos, moitos dos cales seguen no subsolo. O primeiro escenario representa o seu pasado mariñeiro, mentres que o segundo está directamente vinculado á etapa actual do que é presidente da asociación de Amigos do Centro Arqueolóxico do Barbanza e estreito colaborador de Víctor Barbeito en escavacións e investigacións que teñen como finalidade sacar á luz todo tipo de vestixios.
España Fernández lembra que era só un neno cando lle picou a curiosidade arqueolóxica: «Eu vivía en Taragoña, onde aínda se conservaba algo do Castro Barbudo e sempre había historias e contos sobre o xacemento. Xunto cos meus amigos, teño subido alí en moitas ocasións para ver se atopaba algo. Ademais, vía na televisión un programa, Misión rescate, que precisamente fomentaba a conservación de pezas antigas. Foi así como empecei a entrar en contacto co tema da arqueoloxía e, canto máis coñecía, máis quería saber».
Despois da súa etapa profesional como mariñeiro, Xaquín España regresou á terra para seguir desenterrando o pasado. Con esta meta percorre con frecuencia os montes de Barbanza. Está convencido de que a comarca é coma un volcán do que aínda teñen que brotar infinidade de vestixios patrimoniais: «A serra agocha moitos tesouros que están por descubrir. Cada vez que subimos sae á luz algo e aínda nos queda moito monte por patear».
Achados importantes
O presidente de Amigos do Centro Arqueolóxico do Barbanza pode presumir de ser testemuña e incluso promotor de máis de un descubrimento que podería chegar a ser transcendental. Sinala que lle ten moito cariño a unha pedra con gravados interesantes que atopou na serra barbancesa, pero hai unhas construcións que lle quitan o sono. Trátase dos restos dunhas cabanas que poderían estar relacionadas co pastoreo, ou non: «Cremos que se trata de edificacións non moi antigas, que no pasado foron empregadas para resgardar o gando».
Aínda que esta é a hipótese que manexa o grupo de afeccionados á arqueoloxía que con frecuencia rastrexan a serra e do que Xaquín España forma parte, a el gustaríalle estar equivocado. El soña con atopar os asentamentos dos antepasados que deixaron os montes de Barbanza sementados de mámoas: «Temos os monumentos que forman parte do ritual de enterramentos, pero non sabemos onde vivía aquela xente. Ocorre o contrario que co período castrexo, do que se conservan as vivendas pero descoñecemos onde e como enterraban aos mortos».
Sabe que é unha teoría pouco sólida, pero pola cabeza de España Fernández pasa a idea de que as cabanas atopadas no monte sexan os restos das vivendas daqueles que deixaron a súa pegada pola serra barbancesa en forma de mámoas. Quizais, en breve, se arroxe luz sobre esta cuestión, pois está previsto que, no marco das escavacións que cada verán se levan a cabo nos castros de Neixón, se destine un tempo a facer prospeccións na serra para coñecer a orixe das cabanas.
Xaquín España Fernández
51 anos
Mariñeiro e afeccionado á arqueoloxía
Neixón: «É onde se mesturan os meus dous vicios, o mar e a arqueoloxía»