En xullo de 2009, a Comisión Nacional da Competencia (CNC) impuxo unha sanción económica contra as 3 compañías petrolíferas principais que operan no mercado español (Repsol, Cepsa e BP), con multas por importe de 5, 1, 8 e 1,1 millóns de euros respectivamente, cantidades que a primeira lectura poden semellar elevadísimas, mais en termos relativos, tomando como base as cifras de negocios destas compañías, concluiremos que non o son tanto. Tres anos despois, a altura de outubro de 2012, a instancias do Goberno de informe de seguimento do mercado de distribución de carburantes en España, a CNC dicta resolución que literalmente conclúe «a falta de existencia de competencia suficiente no mercado dos carburantes en España», xa que «as características estruturais do mercado español de carburantes facilita situacións restritivas da competencia», pero sen que este feito «poida conducir á existencia de prácticas colusorias por parte dos operadores que xustifiquen a incoación dun expediente sancionador», polo que dita resolución propón «solucións alternativas de carácter regulatorio». Para o sector do transporte por estrada, que segundo os datos do Ministerio de Industria é o principal consumidor de carburante con máis dun 41% do total, a variación no prezo ten unha repercusión determinante na rendabilidade das empresas.
Polo tanto, a actuación concertada en materia de prezos por parte das petroleiras, no seo dun mercado formalmente liberalizado, ten uns efectos devastadores para o noso tecido empresarial. As organizacións de transportistas non podemos máis que esixir unha actuación máis contundente, da CNC e tamén do Goberno, contra as situacións restritivas de competencia.