«Polas expectativas que esperta, a Chuvia vai ser coma o tornado»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

CARMELA QUEIJEIRO

Augura un fin de semana «potente» en Ribeira

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Achégase un fin de semana intenso para o músico ribeirense Suso Bello. Dous dos proxectos que puxo en marcha hai once anos, o grupo A Compañía do Ruído e a Festa da Chuvia, fúndense para que Ribeira estoupe con tres buliciosas xornadas. É que, no marco do festival, a banda presentará o seu novo traballo discográfico, Pensares galegos.

-¿Que vai atopar o público neste novo disco?

-Vai atopar catorce cortes, nove de composición propia e os outros cinco son versións de temas galegos de Os Diplomáticos de Montealto, Zenzar e JJJ, una banda ribeirense dos anos oitenta. É un disco que segue a liña dos anteriores, festiva, irónica e cañeira con rock, punk reggae e folk.

-Para costealo, empregaron un orixinal sistema solicitando achegas a través de Internet. ¿Como decidiron recorrer a este método?

-Por unha banda, queriamos ver cal era o apoio que tiñamos da xente e, por outro, pretendiamos evitar andar con cedés en almacén, facer só unha serie limitada en función da demanda. Seguimos un modelo similar ao da venta do peixe na lonxa.

-Superaron o reto en cinco días, ¿esperaban esta reposta?

-Tiñamos confianza en que iamos lograr os 2.500 euros, pero non en tan pouco tempo. Ao final, chegamos aos 3.500.

-Tamén a presentación do disco vai ser orixinal, ¿por que elixiron como escenario un barco no medio da ría de Arousa?

-Era algo que había anos que quería facer. Queríamos presentar o disco de forma vistosa e decidimos botarnos ao mar. Ademais, un barco permite facer unha presentación case exclusiva, con xente que realmente quere estar alí.

-¿Canta vai ser esa xente?

-Van ser 140 os espectadores. Tamén neste caso, as entradas vendéronse en tempo récord, nunha mañá. Pola demanda, tiñamos para dous barcos.

-¿Haberá despois máis presentacións?

-Si. O 12 de abril estaremos na sala Capitol, nun festival que organiza Antrospinos. Logo estaremos en Ourense, Baiona, Bueu, Ourense, Fisterra e Taragoña.

-A Festa da Chuvia tamén chega cargada de novidades...

-Démoslle outra volta de folla, facendo máis activas as tabernas, que é onde van ser os concertos. As rúas estarán animadas por charangas.

-¿Esperaba esta evolución da festa cando deu os primeiros pasos?

-A Chuvia foi evolucionando coas capacidades e coas necesidades da organización. Houbo anos frouxos por cuestións económicas, pero iso tamén nos levou a buscar apoios e a involucrar, por exemplo, aos bares.

-¿Como definiría os tres días que veñen?

-Polas expectativas que esperta, a Chuvia vai ser coma o tornado. Tal e como está a situación en xeral, a xente ten gañas de gozar destes tres días a tope. Estou convencido de que vai ser un fin de semana potente.

suso bello líder da compañía do ruído