A función social da arte

LUCÍA ROMANÍ

FIRMAS

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Dende hai algúns anos tiven a necesidade de explorar e analizar problemas artísticos vinculados ao espazo público, dende distintos enfoques e perspectivas, que conxugasen creación e investigación artísticas. Unha preocupación que vai máis aló do marco estrito da creación plástica, do pracer e xogo estéticos, para introducirse no terreo do social; feito que implica necesariamente unha ideoloxía. Ao exercer, como artista e investigadora, unha actividade que aínda sendo privada e íntima ten unha resonancia pública, a responsabilidade social aparece en escena. Neste breve percorrido puiden comprobar como a fronteira entre a arte e a vida esvaécese a medida que un se ve envolto en proxectos que atenden á dimensión humana, actualizando esa vella cuestión da arte como mecanismo transformador da realidade.

No marco destas preocupacións xorde o proxecto Micro-estancias colgantes. Trátase dunha instalación que ten por obxectivo facer visibles certas situacións de conflito de intereses ao construírse como unha metáfora para a reivindicación de espazos comúns de calidade, para o uso e disfrute do cidadán.

Ante a situación progresiva de privatización do espazo público que estamos a vivir en moitas cidades e pobos, participo na X edición de Kaldarte instalando unha serie de hamacas que calquera transeúnte pode utilizar ao seu antollo (para o xogo e o balanceo, para a sesta ou o descanso, para compartir coa moza ou o amigo,...). Deste modo, a obra convértese nun servizo público á vez que xera unha experiencia estética, polo que a intencionalidade artística se combina, con maior ou menor acerto, coa función social. É máis, o público aparece como actor imprescindible que completa a obra, incidindo nesa idea de obra aberta, centrada no proceso, que é fundamental ter en conta para comprender moitas das prácticas artísticas actuais.

Nas últimas décadas, a construción da obra foi superando a súa condición obxectual e autónoma para establecer unha relación de proximidade coa comunidade, priorizando a interrelación entre disciplinas e técnicas, actores e espectadores, espazos e tempos. Como recorda Nicolas Bourriaud, «a arte é un estado de encontro», ou dito doutra maneira, un intercambio ilimitado de experimentacións sociais.

Hamacas instaladas en Kaldarte X Edición no proxecto Micro-estancias