Cambio de época

FIRMAS

17 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Andamos a voltas co eBook, así escrito, rompendo as regras ortográficas de calquera idioma, pero é o que vén. Ata as grafías de toda a vida toman forma de ideogramas.

Indiscutiblemente estamos nun cambio de época, ante unha nova maneira de enfrontarnos á lectura, pero, de momento, só no que ó soporte se refire. E de cambios así xa tivemos moitos ó longo da historia e todos foron para ben. De onde había táboas de arxila pasouse ós papiros, que permitían almacenar máis información con menos vulto. Dos rolos pasouse ó tomo e con eles calquera lector da antigüidade seguía gañando en almacenaxe de información. Logo veu o papel para abaratar todo canto ata entón se facía en pergamiño, e tamén se reducía o volume. Co Renacemento chega a imprenta, que non só facilita a difusión da obra escrita, senón que, ademais abarátase e créase unha nova forma de narrar. Din os entendidos que a novela, como hoxe a entendemos, non sería posible sen a aparición da imprenta. E cando pensabamos que nada había mellor co papel, entra nas nosas vidas o soporte electrónico, coa vantaxe de que os metros cadrados en estantes que ocupan as bibliotecas, caben nun aparatiño que non avulta máis co dedo maimiño dun cativo.

Estamos nun cambio de época. As mesmas bibliotecas públicas fomentan o acceso a Internet. A partir de agora e cos novos medios, o libro será máis barato, estará ó alcance de máis xente. Non fará falta pasar pola librería nin pedir que cho reserven, teralo con só teclear o título nun aparello, e seguramente, os autores perderán os seus dereitos se non se inventan outras maneiras de crear e difundir a obra, que terá unha disposición pública como nunca na historia da humanidade.

Outra cousa é a lectura. A informática axuda moito, pero xa hai novelas enteiras que se poden escoitar, que non é necesario lelas, como tamén hai programas que poñen en letras o que se lle dicta de viva voz. Hai obras de ciencia que están ó alcance de calquera en formato de Youtube, expostas, explicadas e narradas polos mellores científicos, con ilustracións animadas, gráficos e ata o proceso de laboratorio que se pode ver a cámara lenta ou rápida, para que aprendamos sobre os enigmas da materia aínda que non distingamos un A dun B. Calquera ten acceso ás máis grandes obras da cultura e pode apostillar sobre elas. Non sabemos con certeza como vai ser o futuro no que a todo isto se refire pero, ¿que é o primordial?.

Internet popularizou a cultura do corte e pega. Vexo nenos que fan os deberes co ordenador, buscando información que se dá por válida por estar na Rede, e a máis famosa enciclopedia en liña dicía o outro día que o escultor Gargallo era un actor porno dos anos vinte. E iso non é unha errata de imprenta. A vantaxe é que se pode corrixir ó momento. Todos os avances son importantes, pero así como, a pesar da popularización das calculadoras non se deixou de aprender a táboa de multiplicar, non vaia ser que se deixe de ler porque sempre hai o recurso de que un tipo o faga por nós a nunha webcam.

Morre o papel, e pode que ós nenos do futuro non lles faga falta aprender a mover os dedos e coller un lapis na man, pero sempre seguirá facendo falta quen conte e quen escoite.