análise
¿Hai espazo para un festival como o OUFF?
A comunidade autónoma sigue sen contar cun festival de referencia para o sector. Galicia non ten un certame de cine como tal, que xogue o papel de ser o «Festival do Cine Galego» e que sexa punto de encontro para o audiovisual galego: para amosar a súa produción, para debatir e para xerar novas propostas e proxectos. Hai festivais sectoriais (de documental, de curtas, etc) pero non un certame global.
¿Por que non se consolidou a oferta?
A iniciativa liderada por Eloy Lozano estaba ben artellada e tiña unha folla de ruta definida. As diferenzas sobre o proxecto e a decisión de Lozano de desvencellarse do certame marcaron o inicio dun camiño errático.
¿Que modelo?
O OFF, agora OUFF e antes outras denominacións, derivou nun proceso sin obxectivos claros en canto a contidos: que se un certame de cine independente, que se de cine galego, que ámbalas dúas cousas, que se só exhibición, que se exclusivamente competición, que con carácter internacional, que se só para a produción galega, cando non con marcado carácter ourensán -isto non pasou de suxerencia- foron aspectos en constante debate e revisión.
¿Conta coa implicación do sector audiovisual?
O proxecto ten pasado por fases e épocas moi diferentes no que ao apoio e implicación do sector se refire. Os profesionais do audiovisual galego precisan un punto de encontro e Ourense pode xogar ese papel. Tamén é certo que ten habido desencontros en algunhas etapas do certame.
¿Ten apoio institucional?
Unhas das eivas máis significativas do festival é a falta de compromiso da Xunta -a Consellería de Cultura, o CGAI, Agadic o ex Xacobeo- co proxecto. Compostela nunca se implicou co certame de Ourense na súa xusta medida.
¿Ten futuro o OUFF?
A cidade conseguiu situarse no circuito de festivais, aínda que non na medida que se supón con 17 anos de traballo ás costas: os cambios en canto a contidos, datas e modalidades fixeron que non acadase a resposta agardada. O festival ten que revisar os seus esquemas e marcarse un plan de futuro a medio prazo.