Volvendo de terras de Entroido baixo unha copiosa nevarada, a viaxe facíase penosa. Nin o condutor nin o copiloto atenden a máis conversación có estado da estrada e a radio só é un ruído que descentra en tan difícil labor, así que o mellor será parar no primeiro bar, descansar un pouco e esperar a ver se escampa.

Tamén aquí, ó acougo dunha estufa acesa, están os da veciñanza lamentando o tempo e entretendo os minutos con contos e anécdotas. Falan de política e de veciños insinuando os alcumes con dobre significado, que «aquí ninguén fala mal de ninguén», e lembran como o dobre sentido das palabras, ben posto nos contos, significa o que cada quen quere entender. E as diferentes opinións, por diferentes, fan aflorar a sorna ata lembrar asuntos que ridiculizan e avergoñan ós parentes e achegados dos protagonistas. Unha taberna de aldea ten a virtude de esconxurar os pecados da veciñanza ó calor duns tragos de viño novo. Nela é diario o debate sobre o estado da aldea, da parroquia e da nación.

Axiña soubemos quen era cada quen naquelas catro casas onde a taberneira vendía desde o mesmo mostrador, ademais de viño por vasos e cuartillos, fariña, café e ferramentas, cando lembra como lle chegou un paisano a pedir: «¿E terás uns cravos, Marisa?», «Teño home teño, e teus teño moitos». O dobre significado xoga cos bos entendedores, cando outro lembra a un mandamais da política que durante un acto electoral chegou a aquela aldea para botar un discurso de loubanza á clase labrega, tan traballadora ela e humilde e guiadiña que por non lle faltar a un veciño prefería ceder «as miserias da endemoñada riqueza». E mentres os veciños alí concentrados se admiraban e sorprendían coas gabanzas verbais daquel líder de voz segura e atronadora, o veciño candidato para representalos no concello, que moi serio, atento e abraiado escoitara as palabras do experto orador sen sacarlle ollo, tan atordado quedou de tales grandilocuencias, que se ergueu cos papeis do discurso e, en canto chegou ó atril, encartounos e tirounos á papeleira, «porque co dito xa está dito todo»; e pasou a lembrar a un suposto antepasado seu, de quen dicía ter aprendido os secretos da vida, o cal, en certa ocasión mercou un burro de moi boa planta que todos os veciños gabaron, aínda sen velo cargar sacos nin tirar de ningún carro, como un animal manso, forte, traballador, que sen comer moito conténtase co que lle dan, que ata soporta os paus que lle arrean con resignación -e tamén fai vivir ó amo a corpo de rei, sabe señor-. Pero tras escoitar as loanzas, o vello patrucio, advertiu ós loantes, de que certamente o animal é moi manso e moi traballador, pero «coma a calquera veciño, se se lle quere coñecer o xenio só hai que tocarlle a bulsa».

Rematou o discurso, riron os aldeáns que entenden o dobre significado da palabra bulsa, quedou algo desconcertado o líder político, pouco experto en contos populares e sornas labregas e todos saíron a visitar as rúas do pobo onde o home de prol ía prometendo asfalto por aquí e por acolá, e centros sociais e un cine e un teatro para as catro casas do lugar cando viron un burro atado a un poste: «Vexa señor, ese é o burro de que lle falei, tóquelle vostede esa bulsa que lle colga e saberá do xenio dos nosos paisanos».