Santiago Abella foi un curioso personaxe noiés, emigrado na Arxentina, onde faleceu en 1913, cando aínda non cumprira setenta anos. Contrario á consideración do galego como lingua, polemizou con dous importantes galeguistas da RAG, Manuel Murguía e Carré Aldao. Foi autor do ensaio Disertaciones de un estoico (1910) e de Notas de un viaje a Palestina (1910). En 1911 escribiu esta breve monografía en Bos Aires, que debeu editarse ao ano seguinte, e que agora Edicións do Cerne reedita en facsímile, facendo así consultable esta fonte pioneira nos estudos noieses, que aínda que superada, tivo o mérito de ser un dos primeiros en estudar as murallas da vila: «Las murallas de Noya eran de mampostería; de cuatro metros de espesor y de cinco y siete de altura; con nueve puertas de piedra de sillería bien labrada; de arco románico unas, y de ojival otras, que daban a la parte de tierra, del río y del mar». Aínda que non cita bibliografía, unha das súas fontes de información foi o arqueólogo tamén noiés Ramón Álvarez de la Braña, o autor de Galicia, León y Asturias (1864). Edicións do Cerne leva tempo xa reeditando obras de difícil acceso que así poden estar en mans de curiosos e estudosos que as poden consultar de primeira man.
«La villa de Noya. Su historia, su topografía, sus monumentos y sus hombres ilustres»
Santiago Abella (Edicións do Cerne, 2011), 31 páxinas. Facsímile da edición de Buenos Aires, Impr. de F. Vilanova, s. d. (1912)