Natural de Rianxo (1945), Antonio Domínguez Rey é doutor en Lingüística Hispánica e profesor da UNED. Importante poeta en castelán, autor dos poemarios Garlopa marina (1974), Gremor (1974), La voz y su vacío (1980), Lúrido ocelo (1983) e Gluma (1987); cultiva tamén a poesía en lingua galega e así en 1984 editou en París a plaquette Lúa loura, para publicar en edición bilingüe en 1991, xa en Galicia, Fendas, e continuando o seu labor con Eidos da mirada (1994). Xa en 2005 sacou do prelo outro poemario de fondo contido simbólico, O segredo do monte, para en 2006 colaborar con Barbantia no volume poético Voces na materia. Antólogo, en 1981 responsabilizouse da Antología de la poesía medieval española, e en 2009 de El otro medio siglo. Antología incompleta de poesía iberoamericana. Como profesor universitario sacou á luz obras como Antonio Machado (1979), Novema versus Povema. Pautas líricas del sesenta (1987), Gramática pictórica (1987), Masaje del mensaje. Lingüística semiótica (1988) e El signo poético, ademais de colaborar en revistas como Ínsula, Nuevo Índice, Syntaxis, Nueva Estafeta Literaria e Cuadernos Hispanoamericanos. Na revista vasca Zurgai publicou Última poesía gallega en 1993. Dende hai varios anos é o coordinador do Seminario de Tradución que se celebra na súa vila natal. A súa poesía, esencialista e simbólica, caracterízase por unha aparente sinxeleza: Chamabas polas fontes / e non bican os beizos / as mamelas dos montes.