Paraugas

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

Estes días de chuvia, vento e temporal, deixaron nas beirarrúas un feixe de paraugas que non soportaron as inclemencias do tempo, entre eles o meu; e sen paraugas, un ha de agardar a que escampe para facerlle fronte á vida, e mentres agarda o tempo pasa e pasan as oportunidades. Mentres agardas chegas tarde ós sitios ou non chegas. Por falta de paraugas non cheguei ás rebaixas de xaneiro, e perdín incontables horas debaixo dun aleiro que, se ben non mollaba enchíame de frío.

Sempre é bo ter un paraugas á man, que ninguén está libre dunha molladura. E entre as divisións que se fan para catalogar ós paisanos como ricos ou pobres, burros ou listos, altos ou baixos, a que máis me sorprendeu foi a peculiar análise do amigo Xulio, despois da segunda cervexa: a dos que usan paraugas e os que non. Certamente, é moi raro, como el nos fixo ver, que un mozo leve paraugas. «Os mozos non lle temen ó porvir». Semella que lle estorba, pero a medida que a persoa crece en idade faise máis común o seu emprego, porque cos anos medran os medos e as precaucións.

Paso por unha aldea do centro do país, un día de chuvascos traidores e no intre dunha escampada que lle deu paso a un sol frío e con moi pouca xente pola rúa, vexo a un paisano co seu paraugas colgado ás costas, do colariño da chaqueta. É unha imaxe clásica que ata se vende como arte kistch nas tendas de recordos da compostelá Rúa do Vilar, onde se presenta ó aldeán como sinónimo de inculto, a ver que terá que ver a cultura con levar o paraugas pendurado. É a imaxe do paisano que chega á cidade sen abandonar os seus usos de andar pola corredoira e serve de mofa ós vilegos que non coñecen máis co seu entorno; pero na realidade, se o pensamos ben, ese tipo do paraugas pendurado tamén é a imaxe dun home precavido, preparado por se chove, e ó mesmo tempo dun tipo con recursos, o paraugas deixa de ser un estorbo e quedan as mans libres para o que sexa.

Por sexos, son as mulleres as que máis uso fan do instrumento pluvial. Como todos vos podedes imaxinar, estas non son máis ca xeneralidades que logo teñen un feixe de excepcións, pero Xulio teoriza psicoloxicamente, que no mesmo grupo dos que non usan paraugas están os que non se preocupan por asegurar o seu futuro, os amigos de improvisar segundo veña o vento.

Pero tamén hai outra excepción, que é a dos que teñen sempre ó seu lado a algún acólito que o leva para eles, e mentres o portador do mesmo se molla a pingar o outro fica enxoito. Esta é unha clase que se dá moito entre os grandes estadistas, como tantas veces vemos nos telediarios, e a Xulio iso parécelle unha proba evidente de que pertencen (os estadistas, digo) a unha raza que ampara o seu futuro á conta dos que se mollan a pingar.

Xulio tamén di que os países mediterráneos son moi dados a non usar paraugas, pero a verdade é que xente desprevida haina en todas partes. Agora que, tamén creo non equivocarme se digo que o actual goberno é dos que se amparan en paraugas alleos, e o primeiro ministro dos que prefiren esperar a que escampe antes de dar o primeiro paso. E así, señor ministro, vai chegar tarde a todas partes.