«Non denunciamos antes porque non tiñamos datos suficientes»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

«A actitude de Pachi non ten nada que ver coa de Baltar»

10 feb 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunca pensou que podería verse nos informativos das televisións nacionais, pero o proceso xudicial aberto contra José Luis Baltar, deu a Ignacio Gómez (Ribadavia, 1972) notable visibilidade pública. El recorda aos seus predecesores como voceiros do PSOE na Deputación, como Pachi Vázquez ou Alfredo García. «Estiveron moitos anos centrando balóns e a min tócame agora rematalos», di.

-¿Como espera que termine este partido xudicial?

-Non me corresponde a min dicir como vai terminar, pero a nós parécenos moi chamativo que o expresidente diga que non sabía nada. Iso é faltar á verdade. Non se pode entender que unha persoa que está ao cargo dunha administración durante 22 anos diga que non sabe como son os procedementos. Aparte eu penso que sería bo que o novo presidente pasase a declarar.

-Aí o dixo. A peza que quere caza o PSOE e o fillo, ¿non si?

-Non é que tratemos de cazar a ningunha persoa. Eu non digo que o actual presidente cometera ningún delito. Iso xa o decidirá a xustiza, se procede. O que si digo é que xa cometeu inmoralidades políticas como é contratar a asesores con suculentos soldos cando, por outra banda, se está facendo un ERE. A xustiza ten que aplicar sentido común e, se os 104 contratos que se investigan o axudaron a el para chegar ata aquí, terá que dar tamén el explicacións.

-Algo bo faría José Manuel Baltar neste ano de presidente, ¿non? O peche do hipódromo o reclamaba o PSOE.

-Pois non, é máis do mesmo envolto noutras formas. Eu incluso me atrevería a dicir que é aínda máis frívolo que o pai polo tema dos asesores. Despois, sobre a xestión que fixo... a necesidade obriga. El acabou cos centros ecuestres porque non lle quedou outro remedio. Ademais, véndeo como un gran logro, pero fíxoo mal. Ao final, regalamos o que fixemos é regalar esas instalacións.

-Fala moito dos catro asesores da Deputación de Ourense. ¿Que pensa dos 13 asesores que ten a de Lugo?

-Se che digo a verdade é que eu a xestión que se fai en Lugo non a coñezo. Ata descoñezo os asesores que ten José Ramón.

-Pois son 13.

-Segundo din eles, eu non o sei, pero hai que ter en conta unha cuestión. Alí hai 500 traballadores e hai momentos en que teñen o dobre de orzamento. Polo menos, co goberno bipartito esa Deputación non está nos medios de comunicación por escándalos como estaba anteriormente. Ademais é unha institución na que o PP leva gobernando todo a vida. Se é como en Ourense, como para ter confianza no núcleo duro dos funcionarios, que están todos vinculados ao PP...

-Insisten moito en que son 22 anos de enchufes. ¿Por que non denunciaron antes?

-Ese é un mantra que sempre repite o PP, pero eles mesmos caen nunha contradición. Falan de non xudicializar a política e, por outra banda, cando o fixemos, que foi unha vez, acúsannos de facelo. En canto demos con datos, fomos pola vía xudicial. Se denunciamos antes sería porque non tiñamos datos suficientes para denunciar.

-¿Que pensa dos que, incluso os que o ficharon para o PSOE, din que Pachi Vázquez é igual que Baltar?

-Iso da fichaxe non sei se é verdade ou non, pero non me preocupa. O que teño claro é que non ten nada que ver a súa actitude á hora de afrontar a política. De feito, Pachi foi alcalde do Carballiño moito tempo e problemas podemos ter todos, pero nun ano e medio quen ten un problema grave é o actual alcalde, que é moi afín a José Manuel Baltar, por certo.

josé ignacio gómez pérez portavoz do psoe na deputación ourensá