«Este é o disco que refrexa a miña verdadeira personalidade»

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

A artista presentou «Migrations» en Nova York e voltará en marzo

27 ene 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

A gaiteira e pianista Cristina Pato (Ourense, 1980) está a vivir unha das súas mellores etapas profesionais. O pasado día 15 presentaba o seu novo disco, Migrations, nun dos espazos emblemáticos e históricos de Nova York: o clube Jazz Standard. Logo da presentación pública do seu disco, nesta ocasión editado polo prestixioso selo americano Sunnyside Records, a artista recoñecía sentirse satisfeita pola resposta do público e polo traballo dos músicos que a acompañan neste proxecto: Víctor Prieto, Edward Pérez, Eric Doob, Emilio Solla, Edmar Castaneda, Mike Block, John Hadfield, Sandeep Das, Colin Jacobsen, Suso Vaamonde e Roberto Comesaña.

-Vostede asegura que este traballo é froito da súa viaxe persoal. ¿É unha declaración de intencións?

-Migrations é basicamente iso, unha reflexión do vivido e experimentado nestes últimos oito anos, os que levo residindo na cidade. Non sería a que son, nin persoal nin artisticamente, sen esa experiencia.

-¿Como valora a presentación e a acollida do proxecto?

-Mellor non puido ser. Fixemos dous concertos e a sala estivo chea, e cun público entregado, e as críticas de medios como The New York Times ou The Wall Street Journal foron moi boas e con importantes louvanzas ao noso traballo e ao proxecto. Máis non se pode pedir.

-No vídeo de presentación na súa páxina web define «Migrations» como unha fusión das súas raíces e do jazz, a mestura entre Galicia e Estados Unidos ¿casan ben gaita e jazz?

-Enraizan e fusionan de forma marabillosa. O que máis me apaixoa desta cidade e o seu son, e ese é o jazz. Este é o primeiro disco que me representa como artista porque todas as cousas que amo e que me apaixoan están aí refrexadas. En Migrations están as miñas dúas facianas e as miñas dúas personalidades: como artista e como persoa.

-¿O camiño, os seus anteriores proxectos, levaba até aquí?

-Teño 32 años e este foi un proceso natural froito de todo o que vas aprendendo. Iso non quere dicir que estea arrepentida de nada nin que renegue do feito até o de agora: aos 18 era gaiteira e gostaba do pop, hoxe son a que aparece en Migrations. Son todo iso; gaiteira e intérprete de música tradicional, de clásica, de jazz... todo é Cristina Pato. Este disco é o que refrexa a miña verdadeira personalidade, que é resultado da miña migración persoal.

-A súa banda refrexa o carácter migratorio e intercultural da proposta, entre outros participa o acordeonista Víctor Prieto.

-Estou moi satisfeita e orgullosa do noso traballo conxunto. Víctor Prieto e máis eu había 14 ou 15 anos que non coincidiamos, dende que estudabamos no Conservatorio de Ourense, aínda que sabía dos seus traballos e da súa impresionante calidade como músico. No caso da banda é o refrexo da cidade: un conxunto de músicos procedentes de todas as partes do mundo.

-Toca a gaita, o piano, o pandeiro e canta. ¿Todas a súas facetas están no novo disco?

-Quixen implicarme ao máximo neste traballo porque quería que fose algo diferente a todo o que levaba feito. E estou contenta co resultado.

cristina pato gaiteira e pianista

«Quero presentar o disco en Ourense coa miña banda de músicos en Galicia»

«Con Víctor Prieto cadrei no cruce da 66 con Broadway. Non o vira dende o conservatorio»