A innovación tecnolóxica, a outra pata da mesa

La Voz

FIRMAS

A inversión en novas tecnoloxías é clave
A inversión en novas tecnoloxías é clave U. DE VIGO

Todos os países que mellor resisten a crise presentan dúas características, coa excepción de Canadá. Por unha banda, teñen unha alta presión fiscal. ¿Que quere dicir iso? Que os impostos son altos, en ocasións tan altos que se levan a metade da nómina. E, en contra do que se cre, non é que esa nómina sexa enorme e despois de todo entren en casa moitos cartos. En absoluto. O que se gaña ao final é máis o menos o mesmo que en España antes de que se iniciase a crise, coa diferenza de que mestres e profesores de instituto estaban mellor pagados aquí que os seus colegas finlandeses ou noruegueses, por exemplo. Esa presión fiscal fai que o Estado teña recursos para desenvolver políticas de apoio a quen perden o seu traballo.

E por outra banda, eses países volveron os seus ollos á educación, e en vez de facer recortes falan de facer un esforzo para investir máis nese capítulo, moi vinculado ao desenvolvemento das tecnoloxías de vangarda. E aí si que non hai que ollar moi ao norte, porque xa a Francia do socialista François Hollande é consciente diso e para este quinquenio prevé que o 2 % das compras correntes do Estado deban reservarse para innovar nas pemes. Bélxica, pola súa banda, acordou hai pouco incrementar a exención das cotizacións profesionais dos investigadores (80 % en lugar de 75 %).

Kaj Leo Holm Johannesen, o primeiro ministro conservador das Feroe, nese discurso de fin de ano dicía algo moi extrapolable non só a España, senón tamén ao resto do mundo occidental: nada vai ser igual tras esta crise. E propoñía, centrándose na súa comunidade autónoma dependente de Dinamarca: «Se facemos uns poucos cambios na nosa sociedade, poderemos facer máis atractivo económica e socialmente o noso país. Nunca antes tanta xente nova fixo estudos superiores nas Feroe, e nós continuaremos investindo no noso sistema de educación». Porque aí, segundo el, está a clave do futuro. Do futuro de todos.