«Co cuarto volume vaise completando a síntese do que é a capital bergantiñá»

á. palmou CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

O profesor e historiador carballés Xan Fraga presentará mañá a nova entrada das súas «Crónicas»

18 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor e historiador Xan Fraga Rodríguez (Carballo, 1958) volveuse mergullar no pasado da capital bergantiñá para dar forma á cuarta entrega das súas Crónicas de Carballo. A evolución da poboación, a orixe de nomes de rúas coma a Vázquez de Parga, a degradación urbanística ou a visita á localidade do campión mundial de boxeo José Legrá son algunhas das historias que saen á luz nesta obra, que será presentada mañá no Pazo da Cultura (20.30).

-¿Que se vai atopar o lector deste novo volume?

-Unha miscelánea de temas diversos, como a demografía, para ver a evolución de Carballo desde o famoso catastro do Marqués de Ensenada, no século XVIII, no que se mostraba que era un pequeno couto con 50 veciños, ata un artigo de Pascual Madoz, de 1845, que dá datos sobre poboación ou impostos, ou outro famoso documento, O Miñano, de 1828. Tamén hai temas máis históricos e toponímicos, como por exemplo sobre a ponte da Lagoa. Eu reivindico que a ponte que é coñecida como da Milagrosa se siga denominando da Lagoa porque ese é un núcleo fundamental da historia da Carballo e demostro con documentos desde o século XVIII que sempre se chamou así. Hai outro artigo dedicado ao urbanismo, que era o que tiña máis interese en sacar adiante eu, porque permite ver por que Carballo evolucionou desde os anos 20 do século pasado, cando tiña un urbanismo practicamente modélico a nivel de toda Galicia, como así era recoñecido nos documentos da época. Había obras de arquitectos como Eduardo Rodríguez Losada, que fixo a Escolas Desiderio Varela e o matadoiro, planificou todo o xardín, e reformou a praza que hoxe se chama de Galicia e que daquela era da Liberdade, ou de Xulio Galán, que fixo o Concello.

-¿Que pasou para chegar ao Carballo actual?

-O primeiro proxecto de plan de urbanismo que se fai para Carballo é de 1962 e ata que se aprobou o do 2003, que ademais despois foi anulado, pasaron máis de 40 anos. No medio houbo un plan, o do 73, que provocou un terremoto no pleno e que non foi aprobado. Iso supuxo un punto de inflexión e unha desfeita. No 74 tiráronse a igrexa e o concello, e dous anos despois desfixéronse os baños vellos, logo os baños novos... Todos os sinais de Carballo fóronse perdendo ou deteriorando a pasos axigantados.

-¿Foi moi complicado o traballo de documentación?

-Hai documentación inédita e difícil de atopar como, por exemplo, o caso de Vázquez de Parga, que dá nome á rúa máis importante de Carballo, pero é un gran descoñecido. Atopei documentos no Arquivo Universitario de Santiago nos que se conta que na primeira guerra carlista producíronse en Carballo uns combates que foron extraordinarios. Os carlistas invadiron Carballo, secuestraron ao xuíz e ao primeiro alcalde provisional, que era José Vázquez de Parga, e mátano nos montes de Arzúa. Moito tempo despois, en 1970, a corporación dedicoulle unha rúa.

-Nos libros anteriores a parte gráfica tiña moita importancia porque permite ao lector ver como era Carballo e quen vivía alí. ¿Neste tamén?

-Por suposto. Hai crónicas de personaxes populares, como unha dedicada a Rodríguez Carballo, coñecido como o médico de Rus, que foi para alí porque estaba represaliado. Ademais era o pai de Rodríguez Conde, que foi un dos fundadores do partido Socialista Popular, o de Tierno Galván, en Galicia. Tamén van dúas crónicas deportivas: unha dun xogador do Deportivo, Bouza, que naceu en Carballo o mesmo ano que Luís Suárez, e outra sobre os dous combates que disputou aquí José Legrá.

-¿Haberá un Crónicas V?

-Aínda quedan unhas 50 crónicas sen publicar, pero non é algo que teña presa. Este é un tipo de libro que eu chamo colectivo, que se vai construíndo a través dos documentos e, especialmente, das fontes orais que permiten rescatar cousas que non aparecen en ningún papel. Con este cuarto volume vaise completando unha síntese do que é capital de Bergantiños. Isto é como un puzle que se vai completando.

xan fraga profesor e historiador