A cada problema a súa solución, dicíanos un profesor de primaria cando nos preguntaba polo resultado dalgún exercicio, e como a cada un lle daba unha cifra distinta, Mario, facendo alarde de listo (que intelixente é outra cousa), propuxo que todos puxésemos o mesmo resultado, o que chegou a desconcertar ó señor mestre, facéndolle dubidar da súa propia sapiencia, ata que descubriu o engano e nos advertiu, que a mentira destroza a sociedade; e engadiu en voz baixa, coma quen claudica, que tamén inmuniza ó mentireiro.
Con Mario aprendemos a desconfiar dos líderes que argallan solucións rápidas, dos mestres do prometer e non dar que fai ós tolos alegrar, pois xa de cativo tiña un arte especial para convencernos de que o negro era branco e non cabían medios tons. Sen embargo, agora, matizando as definicións aprendidas, ó lembrar as súas fazañas, os meus compañeiros defíneno como trapalleiro, porque realmente non sempre lle faltaba á verdade, só a disimulaba, contaba o que lle conviña e calaba o resto, eran verdades a medias, para as que cadra mellor esa definición de trapalladas, coas que envolver argucias e outras trampas que hoxe en día, vendo a prensa diaria, podemos identificar como artimañas políticas. Lembro cando ofreceu «esta bolsa de pelouros por esas dúas bólas de aceiro», sen darnos tempo a mirar nin calibrar a oferta, aproveitándose da cobiza que nos entraba ó ver tantas boliñas de cor, que resultaron ser cochas pintadas con acuarela. El, que sabía como «a mentira non ten pés e non para de correr», tiña dúas técnicas para implantar aquilo que quería que se crese. Unha era facendo que os demais crésemos o que nunca dixo, e a outra crear mentiras aceptadas como pecados sen culpa nin culpable, o «dío todo o mundo», esa sentencia firme que elimina a procura da autenticidade, ou aquilo de «díxome meu tío que a bicicleta de fulano ten unha roda torta», e se o dixo seu tío a bicicleta ficaba difamada para calquera aposta de carreira e el inmune.
Así de arrevesado era Mario xa de cativo, quen ademais contaba sempre con catro incautos oidores, perfectamente seleccionados para que espallasen a súa opinión como opinión da maioría, catro voceiros que, polo que fose, apoiaban a tendenciosa actitude daquel, agardando que o conto por el inventado tomase distintos camiños ata converterse en crenza absoluta. Por iso lembramos, odiamos e valoramos o seu arte para facer anuncios e ofertas, para reverter a verdade dos datos e para esquecer todo tipo de promesa e compromiso botándolle a culpa a outros, como cando, xa de maior, sentado nas oficinas xerais dunha empresa, espallaba noticias coa aura precisa para facelas cribles, sen importarlle prometer o troco de sábados de curro polos días que cada quen quixese, que logo era imposible coller xa que, dado o que había con esta crise, polo ben de todos era necesario facer un novo esforzo, e sendo polo ben de todos, ¿quen se ía negar?.
Mario medrou grazas o bo uso dos sistemas de propaganda no seu favor, pero como non hai mentira que cen anos dure, onte atopeino na porta do INEM reclamando unha axuda para maiores de 55 anos, el, a quen, para que calase as argucias de que fixo gala, despedírono cunha indemnización millonaria.