Paloma Rodríguez: «A política é necesaria para a vida»

FIRMAS

A recén chegada ao Congreso busca facer máis visible Ferrol e abordar os seus problemas

15 mar 2021 . Actualizado a las 13:34 h.

Ferrol fala de novo con voz de muller no Congreso a través de Paloma Rodríguez Vázquez (Ferrol, 1956), a nova incorporación do PSOE, que chega para cubrir a praza deixada polo secretario provincial da Coruña, Francisco Caamaño. A segunda deputada na historia democrática da comarca asume con forza e sen sobresaltos un cargo que, é consciente, non goza de todas as simpatías dunha sociedade escéptica coa política e os seus representantes. E cunha prioridade: a defensa da comarca e das persoas máis desfavorecidas.

-Segunda deputada na historia de Ferrol. ¿Moita responsabilidade?

-É un privilexio e o asumo con moita responsabilidade, é un reto moi importante. Non é que me abrume, pero o tomo con moitísima seriedade.

-¿A que atribúe a baixa presenza feminina de Ferrolterra no Congreso?

-Penso que pode deberse a unha casualidade, porque de Ferrol non, pero si hai moitas mulleres doutros sitios de Galicia. O PSOE precisamente non se distingue por non ter mulleres. Temos unha xenealoxía feminista e unha débeda con moitas mulleres que nos precederon neste camiño de hai tres séculos na loita feminista.

-¿Que se pode facer dende Madrid por Ferrolterra?

-É moi importante visibilizar Ferrol, e que haxa aquí unha persoa da zona sempre dá pé a tratar máis de preto os temas da nosa terra. Hai que insistir en que unha sociedade non se pode considerar xusta se está dando a espalda ás persoas que teñen máis dificultades. A política nunca é digna nin decente se está de costas á xente que ten problemas. A miña función é tentar facer unha política que mire para a xente máis desfavorecida e para a nosa cidade.

-¿Cales son as prioridades?

-O naval, o noso parador de turismo, as persoas que teñen dificultades para chegar a fin de mes, o decreto das taxas, as pensións... As prioridades son as xerais e as específicas da zona: reindustrializar Ferrol, dar un impulso a Navantia, fundamental para a bisbarra, e procurar que se cree emprego.

 

-¿Que lle gustaría ter conseguido cando se vaia do hemiciclo?

-Gustaríame ter un dique flotante en Navantia, unha ría saneada, un tren ao porto exterior, que as coidadoras perciban o salario que estaban a percibir, que os pensionistas viviran con tranquilidade, que a xente que está preocupada agora porque vai saír de Novacaixagalicia non tivera esa preocupación, que se revertira o ascenso de paro terrible que sufriu Ferrolterra, con cotas de paro que pensamos que nunca se alcanzarían... Que a política fora a ética da responsabilidade e de cara ás persoas que teñen máis dificultades. Porque eu quixera que a xente vivira sen medo ao paro, á enfermidade, a non ter vivenda, a que esta sociedade se rompa e deixe de ser unha sociedade cohesionada como o estaba a ser ata o de agora co estado do benestar.

-¿É como a esperaba a activade no Congreso?

-Si. Hai moitísima actividade e é como a esperaba. A xente do meu partido está traballando moi preto da cidadanía para que este cambio de políticas que queremos producir veña de abaixo a arriba, atendendo á demanda da cidadanía que está reivindicando con moita contundencia, como é lóxico, os seus dereitos, porque non queren que os seus dereitos retrocedan dez, nin vinte nin trinta anos.

-¿Está devaluada a imaxe do deputado?

-É posible. A xente parece que non confía moito nos deputados nin na política. Pero se estamos aquí é porque a xente designou que estivéramos aquí. Temos que procurar manter os dereitos individuais da cidadanía, os dereitos civís, os dereitos políticos... Temos que impulsar os dereitos de quen está en dificultade. Así, traballando honestamente, poderemos revalidar esa figura, moitas veces denostada, do político. Ás veces non se entende que a política é necesaria para a vida, para a sociedade e para chegar a consensos e articularnos como país e sociedade que mira ao futuro.

-¿Deberían ter os deputados data de caducidade, un tempo máximo no posto?

-Non necesariamente. Hai xente moi valiosa, que é imprescindible, pero tamén hai momentos en que é importante renovar. É unha boa fórmula para incrementar as estratexias para facer política e ampliar ese espectro de dereitos polos que postulamos dende o meu partido. Dende a executiva de Ferrol estamos traballando moito polos barrios, cerca da xente, para que as demandas concretas as podamos canalizar cara estes sitios onde temos o privilexio de ter representación.

-Nona Inés Vilariño aconséllalle que aprenda moito de todos nesta etapa. ¿Que lle parece a recomendación?

-Paréceme magnífica. Unha boa forma de facer política está baseada en dous pilares: un, a honestidade, que nunca é de máis; e outro, profundizar no coñecemento das situacións. Tómoa como consello persoal.