Fina Rei creou bombóns inspirados en esculturas do artista
01 dic 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Acisclo Manzano é un clásico vivo. Por toda Galicia andan esparexidas as súas pezas e montaxes, dende o Paseo de Ourense ao campus de Compostela e dende a ninfa do Miño á montaxe da capela da fábrica de papel do Lousado, e son moitos os que contan con algunha creación do artista nas súas diferentes facetas -escultura, xoias, debuxos, gravados e outras propostas ou materiais-.
E grazas á empresa alaricana Fina Rei agora tamén se poderán saborear as obras de arte de Acisclo Manzano. A firma de doces da vila de Allariz creou uns bombóns que reproducen as obras de arte que durante anos foron saindo das máns e da mestría do artista para que os máis lambóns podan deleitarse saboreando o chocolate que crean en Fina Rei, ao tempo que degustan unha obra de arte.
Presentación en sociedade
No establecemento que Fina Rei ten aberto ao público na rúa da Paz, de Ourense, dábase a coñecer onte a nova proposta da empresa especializada en doces. Pola mañá presentábase aos medios de comunicación a gama de bombóns creados a partir das obras de Acisclo Manzano e, xa polo serán, a cita era aberta ao público.
Das bondades dos doces de Fina Rei daba conta o propio artista, que como no mito de Saturno rematou por comer aos seus propios fillos... artísticos.
O proxecto dos bombóns sobre obras de arte de Acisclo Manzano foi presentado polo artista, por Miguel Mosquera, responsable da empresa con sede en Allariz e que conta con tendas especializadas en Ourense e Madrid, e por Alfonso Vázquez-Monxardín, da Fundación Vicente Risco.
No acto do serán participaron, entre outros, Miguel Morerias, José María Eguileta, Luís Martínez-Risco e Francisco Paradelo, entre outros.