Mofa e Befa presenta hoxe «Románticos» no teatro da Universidade
28 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O Teatro Vidal Bolaño da Universidade de Vigo acollerá, a partir das 18.30 horas, a obra Románticos, de Mofa e Befa. Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira veñen reforzados nesta ocasión por Quico Cadaval e o músico Piti Sanz.
-¿E logo que fai un home serio como vostede con dous recoñecidos tunantes como Mofa e Befa?
-A eles lles preguntan o mesmo. Levábamos un par de anos facendo un espectáculo que se basa en esa cousa das familias, uns falan en serio e outros putéano. Máis o menos é a base, ti fala en serio que nós xa nos encargaremos de convertelo en humor.
-¿En plena crise non é un pouco raro falar de romanticismo?
-Dedicámonos a buscar espectadores, como os taxistas. Buscamos xente que queira vivir ese encontro no teatro dende a rama do humor. Dende que fixemos Shakespeare para ignorantes non faciamos máis que falar de economía e había que cambiar cara ao interior, aos grandes soños. Tal como está a cousa, o mellor é falar do amor.
-¿Pero romanticismo rosa?
-As palabras cambian de significado moitas veces e romántico acabou converténdose nun negocio. Moitos pensan que son moi sentimentais algunhas cousas, pero en realidade son comerciais. Mais, os románticos, cando apareceron, parecíanse bastante a Mofa e Befa, eran tipos sen fronteiras.
-Entón, é máis tipo Allan Poe.
-A Poe témoslle moito cariño. Vai máis ben polas grandes óperas románticas onde a xente morría de amor e os monstros eran rexeitados polo seu físico, como poden ser Drácula ou Rajoy. Está ben, non poñas a Drácula que igual te morde.
-Ao principio estaba previsto que fixeran un manual do suicidio. ¿O manteñen?
-Vai quedar reducido a moi pouco. Apareceu o tema porque o que queriamos inventar era a máquina do suicidio de repetición, é dicir, que se puidera facer varias veces porque creo que é unha pena que xente tan chea de espírito e sentimentos, como os románticos, só podan suicidarse unha vez.
-¿É que fai Piti Sanz? ¿Tocar un fantasmagórico serrón?
-Está convertido nun monstro. O primeiro día que lle dixemos que iamos facer un ensaio sobre o romanticismo dixo: «¡Por fin, Elvis Presley!». Como ves, cada un ten a súa idea do romanticismo. El circula entre a ópera romántica e o rock, e aí ten razón en dicir que son os últimos románticos porque o death metal e o heavy seguen a contar historias de mortos.
-¿É unha obra lineal?
-Xa nos gustaría, pero non sabemos. Mofa e Befa son un comando cómico de acción inmediata, Piti un roqueiro e músico de cine e eu son un orador. Xuntamos as características e actuamos sobre sketchs. Para resumir, digamos que son uns paiasos contra un erudito.
quico cadaval actor