A educadora guía aos pais para que podan afrontar os novos retos da educación familiar
26 nov 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Sobre as cinzas do programa Preescolar na Casa, Maite Santiago (Pontevedra, 1983) e varios orientadores educativos máis, veñen de facer o lanzamento da nova asociación Medrando á Par, que orienta educativamente ás familias, con nenos de ata 12 anos, tanto a través de grupos de apoio como coas escolas de pais.
A educadora cree que «o servicio que ofrecemos dende a asociación é imprescindible na sociedade actual. Cambiou moito en poucos anos, e isto xerou nas familias novas dificultades á hora de educar aos seus fillos, como as novas tecnoloxías, incorporación da muller á vida laboral, consumismo, conciliación familiar e laboral, entre outras. Consideramos que é necesario dar un apoio ás familias en toda a etapa escolar, unha axuda que permita ós pais comprender mellor ós seus fillos e responder axeitadamente ás súas necesidades, favorecendo así o desenvolvemento integral dos cativos. Os nenos de hoxe son os homes de mañá. Se queremos mellorar a sociedade, temos que investir en fomentar unha parentalidade positiva».
¿Por qué adicouse a este traballo?. Ela o tiña claro dende hai moitos anos: «É unha profesión na que é imprescindible ter vocación, posto que conleva non só unha implicación profesional senón tamén persoal coas familias coas que traballas. Co noso traballo colaboramos de maneira decisiva para promocionar o crecemento da familia; sen embargo, non temos ese recoñecemento social». E engade: «Dende sempre quixen traballar con nenos, aínda que tiña claro que o meu non era a docencia propiamente dita. Sen embargo, non fun eu a que escolleu esta profesión, senón que ela escolleume a min. Fai catro anos recibín unha chamada do INEM para acudir a unha entrevista de traballo para a Fundación Preescolar na Casa. Nese momento non tiña nin idea do que consistía o traballo, pero cando empecei a traballar namoreime. É moi gratificante saber que co teu traballo contribúes a promocionar a competencia educativa dos pais, a infancia, e a cultura e lingua galega. Consiste en proporcionar aos pais e nais as estratexias necesarias para converterse nos mellores educadores para os seus fillos».
Sobre ela mesma dí que «o momento máis antigo que me ven a mente, é estar xogando na porta da gardería mentres a miña nai falaba coa mestra cando viña a recollerme. Debía ter uns tres anos, e recordo estar xogando con outros rapaces a subir e baixar os chanzos do portal de enfronte que era case tan grande coma nós como se fora o máis divertido do mundo. Quizás, por vivencias como esas da miña infancia, creo que é tan importante facerlle ver aos pais a importancia de desfrutar dos momentos cotiás dos seus fillos, gozar do dia a día con eles».
E para os que aínda no empezaron esta profesión, suliña: «Recomendaría que se informaran ben de en que consiste e das saídas profesionais que ten, porque moitas veces non sen ten claro. Nin sequera eu o tiña claro cando comecei. A vocación para min é fundamental».
CIUDADANOS EN SU RINCÓN Maite Santiago fundadora da asociación medrando á par
María Teresa Santiago Pequeño
Orientadora educativa
Praia de Liméns (Cangas)
Por pasar nesta praia moitos anos coa súa familia, coa que compartíu momentos moi felices no verán e no inverno.