No momento actual, cando a tremenda crise financeira e económica convértese en crise política e mesmo afecta á propia democracia, moitas persoas vemos na educación un aspecto da vida que, debidamente reforzado, pode ser un dos principais medios para superar as dificultades polas que atravesamos. Sabemos que é o camiño para acadar o desenvolvemento de individuos e comunidades, polo que a educación debe considerarse o factor decisivo dun crecemento económico sostible, de cohesión social, de prevención da violencia e de igualdade entre homes e mulleres.
Por tanto pódese dicir que se necesita unha escola pública, inclusiva, laica, democrática, coeducadora e de cualidade, na que profesorado e alumnado conten con tódolos medios dos que se pode dispoñer na actualidade (as TIC han ser un deles). Unha escola con capacidade de transformación da sociedade, que sexa garantía de igualdade de oportunidades e de mellora da convivencia pacífica. Unha escola, por tanto, na que se poida aprender a vivir na diversidade e na pluralidade social, cultural e lingüística. E neste sentido, á vista dos documentos dispoñibles, pódese dicir que, se ben con altibaixos, nos derradeiros 30 anos en España realizáronse grandes avances ó respecto.
Sen embargo, nestes momentos, máis alá dos efectos atribuibles á crise económica, e como resultado de determinadas decisións políticas, achamos evidencias dun claro retroceso no camiño percorrido hacia o modelo de escola formulado. E para ilustrar o que dicimos, poremos como exemplo as nefastas consecuencias pedagóxico-escolares da decisión do goberno galego de Feijoo, cando na anterior lexislatura, ignorando olímpicamente o dereito das persoas a recibiren a primeira ensinanza na súa lingua materna, publicou un decreto que entre outras cousas, deposita na consulta ás familias do alumnado a decisión da lingua de uso predominante nas aulas de infantil.
Fíxose caso omiso do indicado por partidos, sindicatos, o propio sentido común e mesmo nas recomendacións da UNESCO, infrinxíndose o establecido na Lei de Normalización Lingüística, polo que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, hai dous días, anulou puntos básicos dese decreto do plurilingüismo. Estamos ou non ante unha acción de goberno manifestamente causante de retrocesos no camiño cara a escola que se necesita?