El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
De tanto repetir o mesmo é doado acabar crendo que é certo o que naceu como unha mala escusa: foi xogando; e cando os anos pasan e a imaxe do suceso fica diluída na memoria, a desculpa chega a converterse en única razón e motivo, incluso para quen a discorreu con función de pretexto. Ó menos iso é o que lle pasa a Tito, despois de que no recreo do grupo escolar, durante un partido de fútbol xogado hai máis de trinta anos, lle rompera a perna a Eloi. Aínda hoxe se desculpa que foi xogando, e Eloi protesta convencido de que foi por maldade.
Todos nos escudamos algunha vez nesa frase de «foi xogando», como se por tal xa todo estivese permitido, de maneira que podías escacharlle os cristais da fiestra ó veciño que, se foi xogando, teus pais pagábanlle un cristal novo e ti quedabas desculpado; sen embargo, cando a desculpa se escudaba nesa outra frase de «foi sen querer» a cousa non era o mesmo, porque estoutra implica que se ben non houbo intención de chegar a tanto si houbo acción. O xogo é outra cousa. O xogo é acción necesaria, e polo tanto permitida. Xogando Tito rompeulle a perna a Eloi pero tamén Eloi lla puido ter roto a Tito; e ademais, como por ser xogando xa era cousa de, Eloi ficou coa perna rota e cunha bolsa de caramelos regalados pola nai de Tito, e por moito que aquel protestase, que llo fixera a propósito, todos concordaron que era cousa de rapaces, tocoulle a este como lle puido tocar ó outro, e despois de mes e medio de xeso todo ía volver ó seu. Sen embargo o lesionado gardoullas toda a vida e hai uns días, tomando uns viños, botoullo en cara diante de media ducia de testemuñas, cando discutíamos sobre a responsabilidade de cada quen na xestión da actual crise.
Concordamos que tamén entre os maiores sobran as desculpas de todo tipo. Ninguén fai nada por mal cando sae ó estrado a xustificarse, e cando a trampa, a maldade ou a intención pouco ética se descubre, todos se escudan no de que non sabían, non se decataran, foron enganados ou foi sen querer. A realidade é que sen querer moves un marco de sitio e acabas no xulgado, pero se sen querer cobras unha indemnización millonaria por dilapidar os cartos dos aforradores que chos confiaron, aínda che poñen unha placa na porta da casa.
Eloi deixouno claro. El daquela non podía dicir o porqué da soterrada disputa que mantiñan, porque lle daba vergoña, e deixou que se crese que fora por razóns futboleiras, cando aqueles partidos do recreo eran derbys de rivalidade parroquial, os daquí contra os dalí. Xogábase o prestixio do barrio e do líder de cada equipo, pero polo visto tamén a preferencia de Maite, cuxa atención era o trofeo que ambos disputaban.
O que son as cousas, coa perna escaiolada, Eloi tivo todos os días a Maite acompañándoo, coa bolsa de caramelos da nai de Tito como reclamo. Despois non. Despois Maite casou con Tito, que era quen de romperche unha perna e facerche calar cun paquete de caramelos.