«Son nacionalista do Ribeiro»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

M. Moralejo

O académico e escritor Xesús Alonso Montero revisaba o día da morte de Franco a revisar as probas de imprenta do folleto que vai ler en Ribadavia, onde recibe o título de fillo adoptivo

24 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O académico e escritor Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) andaba o 20-N -«o día da morte de Franco eu estaba desterrado en Montilla (Córdoba)»- a revisar as probas de imprenta do folleto, de case medio cento de páxinas, que vai ler hoxe na capital do Ribeiro. No Concello de Ribadavia, ás doce da mañá, recibe o título de fillo adoptivo da vila.

-¿Como valora o recoñecemento dos seus veciños?

-Teño moitos anos, levo moitos traballando e bastantes premios e distincións, pero esta é unha distinción especial por ter que ver co Ribeiro.

-¿Pola súa relación familiar coa comarca?

-Eu, que me defino sempre como non nacionalista, non son nacionalista galego, nin nacionalista español, nin nacionalista tailandés, pero se son nacionalista de algo é do Ribeiro. Dende os 9 anos vivín no Ribeiro e alí aprendín a falar o galego (en Vigo meus pais falaban en castelán). Alí tiven os meus primeiros amores de adolescente, aturuxei por vez primeira, aprendín a cantar en galego e en castelán, empecei a xogar ao fútbol, escoiteille aos meus tíos cousas marabillosas e ouvín as palabras dun tal señor Antonio, O Petouto, un comunista das silveiras e canteiro -foi o que lle fixo aos meus pais a casa na aldea veciña da Groba- que era marxista sen coñecer a Marx. Cando me dixo: «Mira, Susiño, eu non sei se o día de mañá terá que haber ricos, pero pobres non debería haber. Non terá que haber pobres e haberá que traballar para que non os haxa», a min, un neno que non sabía quen era Marx nin lera a Carlos Marx, aquilo marcoume para sempre.

-Vostede sempre sentenciou: «O mellor gaiteiro de mundo foi o de Ventosela». ¿Coa homenaxe do centenario quedou saldada a débeda?

-Son patriota da miña aldea, da de miña nai, e grazas á reivindicación dos veciños agora todos nos van coñecer como Ventosela do Gaiteiro. Alí chantamos unha escultura, fixemos un libro e unhas xornadas nas que participou Carlos Núñez, o seu máis lexítimo sucesor. Por esa parte xa podo morrer tranquilo.

-Nun artigo lembraba hai días a homenaxe a Celso Emilio Ferreiro e as protestas contra o encoro de Castrelo de Miño. ¿Como recorda o acto?

-15 de maio de 1966 no Hotel Roma de Ourense, que xa non funcionaba como tal pero fixémolo alí porque tiña moi boa acústica e aproveitamos a cita para utilizar o acto nas nosas reivindicacións contra o encoro mal chamado de Castrelo, porque alí colleu algo, pero a maior parte asolagada está na veiga de Ventosela, onde meus pais tiñan tres viñas nas que traballei cando era rapaz. Aquel día Blanco Amor fixo un discurso memorable.

-Medio cento de páxinas dan para moito. ¿A quen citará?

-Aos meus veciños do Ribeiro, a don Bernardino Graña Refojo, pai do escritor Bernardino Graña e profesor meu na academia de Ribadavia (se me decantei polas letras foi grazas a el), a Alberto Vilanova, a quen lle quero render unha grande e merecida homenaxe, a Manuel Gómez del Valle, o primeiro intelectual fusilado polos franquistas, a Blanco Amor, a Celso Emilio Ferreiro e a moitos outros amigos.

-Ten o arquivo literario na Deputación de Ourense. ¿Como vai a edición de inéditos?

-Vendín a miña biblioteca á Xunta porque son partidario dunha grande biblioteca de Galicia e foi parar á Cidade da Cultura. O Gaiás é unha infamia tremenda, un mausoleo faraónico que nos deixou Fraga. Co proxecto de Ourense estou moi ilusionado, alí hai inéditos de alumnos meus que hoxe son grandes escritores -Xesús Rábade Paredes, Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Claudio Rodríguez Fer e outros- e máis materiais que hai que divulgar.

-Levamos 40 minutos de conversa...

-Poña o que lle colla; e ten o meu permiso para que cando eu morra, dentro de 70 anos, publique todo o que lle dixen.