«Reivindico a Rúa do Vilar»

Como seu pai, fai bandeira dunha cidade da que se confesa apaixonado


SANTIAGO / LA VOZ

Zumega compostelanidade. Neto dun avó de Laraño; fillo dun pai do Camiño Novo e dunha nai da Rúa de San Pedro. Benigno Amor Barreiro (Santiago, 1967) tarda unha milésima de segundo en escoller un recanto no que se retratar para esta páxina: «Os soportais da Rúa do Vilar», di. ¿E que ten de especial este lugar? Todo. «Gústame por moitas cousas. Está a carón do Hórreo, onde temos negocio familiar; e sae tamén ilustrando a primeira edición de La Casa de la Troya, nun debuxo que fixera Castelao». A Casa da Troia: unha referencia na súa vida herdada de seu pai, Benigno Amor Rodríguez, impulsor incansable da obra de Alejandro Pérez Lugín e da antiga pensión de estudantes que, na literatura, rexentara dona Generosa Carollo.

Pero tamén hai na Rúa do Vilar moitos recordos de Benigno neno, dos refrescos no Suso co seu pai, co seu avó, cos seus irmáns José Manuel e Santi. «A Rúa do Vilar é a rúa da vila, tería que ser a principal rúa desta cidade e, tristemente, ao longo destes anos foron desaparecendo establecementos emblemáticos, como a propia Librería Galí; como a xoiería Lado; coma Malde ou o Cine Yago... Os composteláns deberiamos reivindicala máis», di.

Profesionalmente, Benigno Amor Barreiro é o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, da Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural, do Clúster Mineral e Termal de Galicia e secretario da Cámara Mineira de Galicia. Tamén preside a Asociación de Antigos Tunos Composteláns, a entidade que xestiona o museo da Casa da Troia. ¿E de onde lle vén á familia Amor esa vinculación coa pensión de dona Generosa? Benigno explica que seu pai estudou Dereito en Santiago e chegou a tocar a pandeireta na tuna. «Pero meu avó -di- tiña un bar no Camiño Novo, o bar Amor, que pechou a finais dos sesenta, e había que botar unha man, por iso non podía saír coa tuna tanto como querería. Nos oitenta propuxéronlle presidir a Asociación de Antigos Tunos e xa non o deixou». Amor pai era un home moi ligado á cidade, que participaba activamente na vida civil, e atopou naquela asociación un xeito de corresponder á Compostela que amaba con paixón.

Pedra de Compostela

«Somos pedra de Compostela», adoitaban dicir Amor Rodríguez e un bo amigo que, coma el, gustaba de implicarse nas cousas da cidade, xente senlleira como Carril, o xefe de bombeiros, e tantos outros.

Tamén conta Benigno que a empresa familiar, a Axencia Amor, non deixa de ser unha vinculación co mundo universitario que tanta pegada deixou en Benigno pai, primeiro, e nos seus fillos por extensión; os estudantes que alugaron pisos a través desta firma poderían formar, seguramente, a tuna máis numerosa do mundo.

El mesmo chegou a tocar a guitarra na estudantina de Santiago, aínda que agora, cunha vida profesional e familiar intensa, está retirado. «A tuna é unha tradición que vén da idade media, co xurdir das universidades, cos estudantes que buscan tamén o sustento. Ten que ver coa tradición europea dos xograres, dos trobadores, dos goliardos», refire.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags

«Reivindico a Rúa do Vilar»