Ou moito me engano ou vivimos no país máis solidario do mundo, pois con máis dunha persoa no paro por cada catro en idade laboral, coa economía polo chan e os números do benestar furando cada día máis un insondable abismo, se non fose pola solidariedade entre veciños, amigos e familiares andaríamos ós crebazos pola praia.
Todos estamos de acordo en que se nos faltan as pensións dos xubilados, algunha chapuciña sen contracto laboral e os mexillóns das pedras que o vixiante nos deixa coller, máis da metade dos mozos non terían nin zapatos que calzar. Na literatura abundan manifestacións de fraternidade e boa veciñanza, desde aquel pobo da outra banda da ría proclamando que ó Meco matárono todos, ata as manifestacións do poeta José Martí «con los pobres de la tierra quiero yo mi suerte echar». Pero mentres por solidariedade o veciño acude ós primeiros berros de auxilio, a Administración mira antes que teñas todos os papeis en regra. Por esa solidariedade que vai parella coa fraternidade, tamén nos din que non se debe regalar o peixe, senón ensinar a pescar, pero hoxe por hoxe nin unha cousa nin outra, recortados os soldos tamén recortan o ensino, como se a algún administrador lle doese que soubésemos iscar un anzó, e a sanidade por se alguén se esgana cunha espiña.
O certo é que ás veces a solidariedade chega tarde, cando a dignidade xa lle deu paso ás bágoas e estas atraen a vergoña do entorno. Vémolo despois dun par de suicidios e non sei cantas familias expulsadas do seu fogar por non poder facerlle fronte a débedas de usura, cando as caras vermellas de xuíces, avogados, policías, partidos políticos e banqueiros din que van pensalo dúas veces antes de executar unha nova orde de desafiuzamento. Daquela, ¿canto estamos dispostos a pagar por solidariedade?. E sobre todo, ¿canto estamos dispostos a pagar manténdonos no anonimato?, facendo certa esa máxima evanxélica de que non saiba a túa man esquerda canto dá a dereita. Aínda non coñezo a un cura que, por caridade, non cobre un enterro, senón que agarda a que a caridade se execute na veciñanza, que pon a escote o necesario para que o finado, falto de recursos, poida enterrarse cristiamente.
Por solidariedade facemos folga e imploramos unha política social que non discrimine ós menos favorecidos, pero tamén por solidariedade co goberno, outros fan para non sei que. Son as dúas caras dunha moeda que pode equivocarse e de feito equivócase, cando pregoan que un día de folga ataca á economía dun país, sen pararse a pensar que é o único medio de facerlle ver ós dirixentes que son eles os que levan meses afundindo ó país na miseria, aumentando as deficiencias sociais en progresión xeométrica, e sen pararse a reconducir a súa estratexia. Só me queda un sentimento contraposto con isto da solidariedade, e é que algo tan nobre coma ela, fique a un lado cando o poder económico se manifesta, e só aparece como ranqueando, cando xa non hai remedio, vestida coa cara vermella da vergoña.