«Santiago cambiou moito e ben»

Elisa Álvarez González
elisa álvarez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

Álvaro Ballesteros

O dono do mítico Entre rúas fuxiu ao casco vello para poder durmir

12 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Francisco Blanco Pais

70 años

Hostelero

«Porque é onde vivo, onde traballo, e porque me gusta».

É un home pausado que fala coa mesma tranquilidade dos seus anos en Londres como dos que pasou sen durmir na rúa República del Salvador, cando aguantaba os berros e troulas dos estudantes que vivían no seu edificio e máis dos que saían das discotecas. Non é que sexa compostelán de nacemento, xa que tanto el como a súa dona son de Negreira, pero leva unhas cantas décadas en Compostela como para facer unha boa radiografía da cidade.

Paco, o dono do restaurante Entre rúas, estudou electrónica no San Clemente, e de feito foi nese eido no que comezou a traballar. Pero eran tempos de aventuras e nos que «había bastantes traballos, non era como hoxe, podías traballar en calquera lado», así que emigrou. Foi nesas cando marchou para Barcelona, unha cidade que xa era unha grande urbe. «Tiña moitas fábricas e estaba mellor daquela que agora, non como Santiago, que mellorou co tempo».

Como a mocidade é como é, e había traballo, veu de vacacións a Galicia e xa non voltou a Barcelona, «e iso que quedara de volver». Logo foise a Londres, xa emparellado pero aínda sen casar. Foron catro anos traballando en hostalería nunha cidade que lembra con moita contaminación e na que «ou comías caro caro, ou se querías comer barato, era malo malo».

O paso polo sector hostaleiro levouno a el e máis a súa dona, porque xa volveu casado, a coller a cafetería e o restaurante do Círculo Mercantil, que estaba na actual sede da Fundación Granel de Santiago. Como había bingo no círculo, cando saían xa eran horas de discoteca, e ao vivir en República del Salvador, fronte a unha sala de festas, non durmían. A policía nin caso facía cando chamaban polo barullo que se montaba, e pouco a pouco xurdiu a idea de mudarse.

Mercaron a casa na que está o Entre rúas nos setenta, «estando aquí na terraza vin que era un sitio tranquilo, compramos, e fomos preparando», di Paco. A ruela de Entre rúas, que comunica a Rúa Nova e a do Vilar, non era un sitio frecuentado. «Era un lugar como medio sospeitoso. Aquí non había nada máis que un ferreiro e unha modista, e a xente non pasaba por aquí para ir dunha rúa a outra, senón que daba a volta».

Entre callos e lacón

Comezou a historia do Entre rúas, un restaurante que naceu como taberna e acabou ampliando a restaurante -de feito tiveron que acondicionar o soto- porque os clientes que o coñecían do Círculo Mercantil, que deixaron no 79, pedían tamén menús. Os callos, o lacón con grelos ou unha becerra rechea sacan a calquera dunha molladura neste local que xa pasou de longo as tres décadas. Nas súas mesas séntase de todo. Moito turista, porque o local sae en varias guías importantes, e moita xente de aquí, di Paco.

Non é pesimista co desenvolvemento da cidade. Pensa que cambiou «moito e para ben». Porque medrou e porque melloraron os accesos de entrada e saída de Compostela. «Podía estar mellor», pero non é crítico coa xestión feita. Tampouco coas normativas que cambian e volven a cambiar as terrazas da zona vella, aínda que admite que é «un pouco rollo». Os anos non esgotan a calma e paciencia deste negreirés que xa é máis compostelán que moitos que o levan no carné de identidade.

compostelanos en su rincón francisco blanco pais