Catástrofe en perspectiva

Benito Leiro

FIRMAS

11 nov 2012 . Actualizado a las 06:55 h.

Dúas semanas antes do naufraxio do Prestige entrevistei a Laureano Oubiña en Alcalá-Meco. Recén repatriado da súa odisea grega, falou de caixas de tabaco, de fardos de hachís e doutras herbas que o agro non produce. O mesmo judas Al Kassar que entregou a cabeza do arousano á Interpol nunha illa do mar Egeo, tíñalle proposto unhas compravendas de armas da antiga Unión Soviética, pero Oubiña repúxolle que xa andaba en bastantes liadas como para atreverse coa «chatarra rusa». De súpeto, sacou a relucir un delicto menos coñecido: «¿Por que non se investiga o contrabando de petróleo?».

Uns días despois escachou o casco do Prestige enchoupando toda a costa galega. Na miña inxenuidade, pensei que quizais chegara o momento de investigar as grandes fortunas amasadas sobre o tráfico ilegal de ouro negro a bordo de cascallos. Vana ilusión: o contrabando de petróleo segue a ser un gran descoñecido.

Digresións á banda, para min evocar o Prestige significa recordar unha catástrofe ecolóxica que deixou xurradas de impotencia por non saber que facer, mareas de solidariedade e nubeiros de incerteza diante dun futuro que pintaba negro. Tamén deixou toneladas de demagoxia dos apoloxetas do catastrofismo, que obtiveron unha cativa renda política. Pero, sobre todo, o Prestige deixounos un pouso de orgullo pola xente do mar que defendeu o seu medio de vida con valentía, coas mans rexas e a peito descuberto. Como o fixeron sempre.