Arribas marcha «con total sensación de alivio» despois de «moitas veces» pensar na dimisión
31 oct 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Nos sete anos que formou parte da corporación, Marta Arribas González (Ourense, 1970) pensou en dimitir «moitas» veces. «Houbo situacións nas que me sentín fora de lugar e con pouca capacidade para pórlles solución», confesa. Foron momentos complicados na convivencia de goberno co PSOE, pero tamén a nivel interno cos seus compañeiros do BNG. Coas escisións ese problema quedou esquecido -«agora o que falas non tes medo de que ninguén te faga algo por detrás», explica- pero di marchar «con total sensación de alivio». E non pensa volver. «O que podía facer en primeira liña política xa o fixen», sentenza.
-Sen embargo, da a sensación de que a dimisión foi forzada polos militantes e pola súa decisión de abandonar o goberno.
-Non, non, non. Neste escenario novo eu sentía que xa non tiña que estar. Iso o teño falado con persoas do Consello Local hai semanas e, previo a asemblea, o comuniquei oficialmente ao Consello Local. A miña decisión estaba tomada con independencia das posturas que se tomaran, tanto de seguir no goberno como de saír del.
-Entón, ¿apoia a decisión da militancia de manterse na oposición?
-Si, a apoio. Nunca sabes o que pode ser mellor. Eu tiven momentos de cuestionar as dúas decisións. Por un lado, vía conveniente seguir no goberno para poder seguir desenvolvendo a nosa política e, por outro, cría que dada a situación interna do grupo de goberno ía ser máis complicado aínda. Bueno, e despois ter pasado a estar fora do goberno. Creo que foi unha situación que se puido ter evitado e non teríamos chegado a todo isto.
-¿Refírese ao momento da dimisión do entón alcalde?
-Si. Aí houbo unha mala xestión dos tempos. Nós tiñamos unha decisión tomada, que se sabía e que se puido ter evitado, máis que nada porque despois se produciu o que pediamos, a dimisión do propio alcalde. A min iso en concreto non me pareceu nada correcto cuns socios de goberno.
-Logo, ¿se Francisco Rodríguez tivese marchado antes, podería seguir agora o BNG no goberno municipal?
-Seguramente se o alcalde dimitira antes, non teriamos chegado a isto, pero igual máis adiante había outras circunstancias que tamén nos obrigaban a saír do goberno.
MARTA ARRIBAS GONZÁLEZ EXCONCELLEIRA do BNG