«O vandalismo é un dos nosos retos»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CULLEREDO

FIRMAS

GUSTAVOS RIVAS

En xaneiro asumirán a instrución de atestados por accidentes de tráfico

28 oct 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

De pequeno contaba os coches que pasaban pola estrada. Diante da casa na que se criou, a Garda Civil tiña un posto fixo. Sempre lle chamou a atención. Ricardo Dovigo (Vilaboa, 1960) é o inspector principal da Policía Local de Culleredo. Entrou no corpo no 1980. Dende aquela, efectivos e medios foron medrando. Logo da incorporación, hai uns días, de cinco novos axentes -e un sexto, hai nove meses-, actualmente o equipo está integrada por un total de 27: un inspector principal, cinco oficiais e 21 policías. Prestan tres servizos: o de barrio, a pé; as patrullas nocturnas e o servizo de vixilancia da disciplina de tráfico.

-¿Cubertas as necesidades?

-Como número de persoas, si, pero a partir do 1 de xaneiro asumiremos a instrución de atestados por accidentes, co cal teremos que ter unha patrulla para ese servizo. Isto impídenos crear unha unidade de atestados propia. Teremos os medios materiais, pero haberá que redistribuír o persoal. Tamén contaremos, seguramente en novembro, cun equipo radar móbil, compartido coa Policía Local de Cambre. Ademais, dende a Deputación estúdase a instalación dun sistema de control da velocidade con radares portátiles, que se colocarán logo en distintos puntos.

-¿Profesión vocacional?

-Si, no meu caso si. É unha profesión que tivo e ten proxección. Non fas todos os días o mesmo e, aínda que a min a oficina me absorbe moito tempo, gústame a rúa. O contacto co cidadán é o máis satisfactorio que hai.

-¿Tratan de estar ao seu carón?

-Dende xaneiro deste ano designamos que unha ou dúas patrullas estivesen a pé no núcleo principal do Burgo. Coincidiu coa instalación da zona de aparcamento con limitación horaria. O coche é unha coraza moi boa, dá mobilidade, pero a presenza ten que estar na rúa. Nese sentido destaca un servizo que levamos facendo hai anos, diariamente, cos escolares de sete colexios, e que agora reforzamos coa iniciativa Camiños seguros.

-¿E a sensación de impotencia que poden ter os cidadáns logo de ver algúns feitos delitivos?

-Esa mesma podémola ter nós, porque a sanción para unha persoa que, por exemplo, queima un contedor de 500 euros, é desproporcionada en beneficio do autor do feito. O noso cometido é previr, pero ás veces é imposible. Non podes ter un policía para cada caso. O vandalismo é algo que nos sobrepasa, un dos nosos principais retos, e para o cal o noso alcalde pide sempre a colaboración dos veciños. Polo demais, en temas de seguridade cidadá, en Culleredo non hai grandes feitos delitivos.

-¿É un municipio seguro?

-No último informe da Subdelegación do Goberno mencionábase Culleredo como un dos municipios onde, porcentualmente, máis esclarecemento de feitos delitivos hai, estando tamén por debaixo do índice delitivo de municipios do entorno. En canto a tráfico, non pasamos de 2.000 denuncias ao ano, e iso é unha cifra insignificante.

-¿O principal logro destes anos?

-Estar no edificio que estamos agora, no centro neurálxico do núcleo urbano do concello. Permítenos chegar a calquera sitio cun tempo de reacción mínimo.

-¿E o que queda por facer?

-Ter esa unidade propia de atestados. Logo, as novas incorporacións, se as hai, permitirían aumentar patrullas e servizos, como o estamos facendo xa agora.