Cóntanos Xulio do moito medo que lle tiña ó demo cando era neno. Tanto, que cando no libro de relixión vía a súa imaxe, pasaba a folla; por iso, da lección onde estaba esa estampa nunca soubo nin o título. Ese é un medo superado. Hoxe xa non cre nesas fantasías, pero aínda lembra cando un profesor de pasantías dixo que o diaño argalla todos os sistemas para entrar no corpo dos inocentes, e mesmo, aproveitando que un vai coa boca aberta, vólvese mosca para metérselle ata as tripas. Xa sabemos que era unha trola, pero durante toda aquela semana, alomenos, todos andaban coa boca pechada, e ata para falar procuraban non despegar os beizos, ou poñían unha previsora man de buceira.
Falando deses medos infantís, Pancho revélanos que un dos que el non perdeu nunca foi o de saltar por unha fiestra, porque, na súa casa, as fiestras que daban á rúa estaban a menos dun metro do chan, e seus pais e avós, por prevención, advertíanlle que quen saltaba por unha fiestra deixaba de medrar. Hoxe Pancho podería dar unha alancada e cruzar por encima do peitoril, pero segue sen atreverse a cruzala. O del é un medo sen superar que lle transmitiu ós fillos.
Está claro que aquelas ameazas encubertas eran para que os nenos non corrésemos riscos. A mentira tiña unha función preventiva, e así criámonos e crecemos con ben, baixo ameazas encubertas, con mitos para que non saísemos de noite por medo á Compaña, non tocar os xenitais para non quedar cegos, tragar dúas cuñas por cada seis cereixas para que non nos doese a barriga, non tomar laranxas na cea porque «pola noite mata», non bañarte no mar ata pasado o san Xoán, cando o santo bendicise as augas, e non dicir mentiras para que o diaño das estampas do libro de relixión non nos ensartase co seu galleto. Supersticións e advertencias que nos metían o medo no corpo, e que nós, por non probar a verdade da sentencia, non nos arriscabamos con elas; ata que, ó medrar, cando o corpo nos pedía novas experiencias, probábamos, primeiro con ese medo ó que poida ser, ata que, descubriamos o pracer do prohibido e achabamos que saltar unha fiestra ou ver o debuxo dun ser feo con cornos e tridente non ten por que facernos mal, que se unha mosca entra na boca cúspese e en paz, e unha laranxa de sobremesa é un pracer para a boca e o estómago.
Sen embargo hai algún destes medos que por moito que permanece nun de forma obsesiva, chegando a formar parte da persoa como algo consubstancial. Hai quen, por non quedar cego segue solteiro e casto. Cada quen ten os seus medos e as súas obsesións. Os deportistas converten esas teimas en tics convulsos, que os contrarios aproveitan para atacar por esa debilidade. Cada quen ten as súas, e eu as miñas, que seguramente coñezan mellor os demais ca eu mesmo. Pero o peor é cando se herdan os medos
Soubemos que ó fillo de Pancho (deportista menor de 30 anos), estoutro día pechóuselle a porta da casa, e pediulle a un veciño que lle entrase pola fiestra porque el non se atrevía.