«Domingo Antonio de Andrade foi un arquitecto incrible»

m. v. c. / m. v. m. CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

Juan Creus impartirá unha charla en Cee a partir das sete da tarde.
Juan Creus impartirá unha charla en Cee a partir das sete da tarde. a. garcía< / span>

Juan Creus impartirá unha conferencia sobre o «mestre do barroco»

27 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O arquitecto ceense Juan Creus Andrade (1966) será o encargado de impartir esta tarde (salón de actos de Cee, 19.00 horas) a segunda das charlas incluídas nas xornadas organizadas polo Concello para conmemorar o 300.º aniversario do pasamento de Domingo Antonio de Andrade. Creus falará sobre o estilo arquitectónico do que está considerado como o mestre do barroco galego no século XVII e desvelará aos asistentes as características das súas obras máis significativas, coma a Torre do Reloxo, da catedral de Santiago, ou as escaleiras de Bonaval, tamén en Compostela.

-¿A que se debe que non haxa máis obras de Domingo Antonio de Andrade na Costa da Morte?

-Era un arquitecto que traballaba para o goberno, para poder, por iso estaba sempre xeograficamente preto deses estamentos, que era cos que podía traballar. Ademais, era un arquitecto que esixía estar en contacto permanente cos edificios nos que traballaba. Un deses edificios era a catedral, que requería moito traballo. Por iso preto da catedral si que poden verse máis traballos del, porque os facía ao mesmo tempo.

-¿Cales son as principais características da súa arquitectura?

-Fronte aos arquitectos da mesma época, Antonio Domingo de Andrade foi un arquitecto moi exquisito, porque entra no espazo e concibe moi ben as formas espaciais. Ao mesmo tempo, ten unha técnica extraordinaria de traballo da pedra e de busca de economía nas formas. O barroco, a súa época, caracterízase por unha explosión de ornamento, pero el era un home que lograba enganchar ese ornamento cunha peza de pedra que funciona perfectamente dende o punto de vista construtivo. Iso paréceme extraordinario.

-¿Deixou pegada nas épocas posteriores?

-Sen dúbida. Eu non son un coñecedor exhaustivo do seu traballo, pero grazas a investigación que fixen para dar a charla descubrín, por exemplo, que a Torre do Reloxo é o emblema da catedral e un referente internacional. O mesmo pasa coa escaleira de Bonaval, que é a única escaleira construída con esas características no mundo. Debuxárona Palladio e Vignola, pero Domingo Antonio foi quen de facela.

-¿Que outras cousas descubriu investigando para a charla de hoxe?

-Esta conferencia permitiume facer un percorrido polas súas principais obras, que son incribles, así que o meu obxectivo será descubrirlle eses traballos ao público. A Torre do Reloxo, por exemplo, na actualidade non se pode visitar, pero eu tiven a sorte de entrar e percorrela. Ao analizar o traballo de Domingo Antonio de Andrade que foi un arquitecto incrible e cun valor incalculable na traxectoria da arquitectura barroca e da de hoxe en día.