Un tesouro baixo chave

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

Moncho Fuentes

O Museo Liste de Oseira cumpriu 40 anos e leva pechado dende 2010

21 oct 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

«Na antiga Casa do Hospicio de Oseira, hoxe Casal de D. Olimpio Liste e Dona Josefina Fernández Mosquera, que, a carón do grande e vello mosteiro teiman de erguer unha casa fidalga para lecer dos seus amigos. Cas miñas millores espreitas e venturanzas, hoxe, día das Mercedes de 1972». Acompañan as sinaturas de Xesús Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo (Xocas) e Olga Gallego. Con esta folla, escrita o 14 de outubro de 1972, ábrese o libro de honor do Museo Etnográfico Liste de Oseira e nas imaxes daquel tempo aparecen Ferro, Lorenzo, Gallego, Olimpio Liste, Fina Fernández e Araceli -a filla de Olimpio e Fina-, entre outros, á porta da casa que dende entón acolle as coleccións. Inaugurábase así «oficialmente» o museo con pezas recollidas polo matrimonio Liste-Fernández dende varios anos antes polas provincias de Ourense e Pontevedra, traballo que logo se estendeu por toda Galicia e Portugal.

Máis de 12.000 pezas

Catro décadas despois da inauguración, e cun importante fondo que supera as 12.000 pezas reunidas durante todos estes anos, o Museo Liste de Oseira está pechado e xa non recibe aos miles de escolares e visitantes que se achegaban ata o pobo de Cea cada ano, nin aos investigadores que acudían -de toda Galicia e de moitos países- para documentarse, solicitar información ou estudar as pezas que se amosan no vello edificio que en tempos foi albergue de peregrinas.

As instalacións que acollen a colección etnográfica privada máis importante de Galicia están pechadas ao público dende decembro do 2010. A Deputación de Ourense chegou a un acordo no seu día cos propietarios do museo para garantir a apertura ao público do mesmo, asumindo o custe derivado de contar cunha persoa para abrir as instalacións e guiar as visitas. Vai agora para dous anos decidiuse suprimir a axuda e, dende aquela, as instalacións de Oseira están pechadas ao público.

Concello de Cea e Deputación de Ourense aseguraron en varias ocasións que se ía retomar a colaboración para reabrir o Museo Liste, máis nunca se materializou a reapertura.