María Quintas é unha política de raza que reivindica o traballo dos que manteñen o compromiso cos seus cidadáns. Lembra que «levo dende os 19 anos no PSOE -ela di sempre Partido Socialista- e teño 52. E sindicada dende os 23 anos».
-¿Constata que existe desafección da clase política?
-O que debe interiorizar o cidadán é que os políticos son persoas, non deben nin son un colectivo profesional, que se adican á política por compromiso e porque pensan nas necesidades e problemas dos demais. O cidadán non pode ter desafección da política, porque si os cidadáns non van á política é a política a que vai aos cidadáns. Todo na vida dos cidadáns é política.
-¿Parécelle normal que haxa políticos que nunca tiveron un traballo?
-Vivimos nun país democrático no que as persoas teñen ese dereito de participación. Para asumir esa responsabilidade non pides un currículo e si un compromiso político. Dito esto, si é certo que se deberían limitar os mandatos e ata a presencia dos cargos institucionais en todas partes.
-¿Dende algúns sectores faise referencia a que baixou o nivel dos representantes políticos?
-Somos persoas normais, non nos consideramos diferentes, que estamos exercendo un traballo que eu considero dignísimo e importantísimo, e noutros momentos estaremos facendo outra cousas. Os políticos representamos á sociedad na que vivimos, nin máis nin menos, e o nivel dos políticos é o refrexo da sociedade na que viven.
-Dicía un deputado do PP que os políticos só están para levantar a man e que a dinámica parlamentar non lles depara outras responsabilidades de facer o que di o grupo político.
-Estou radicalmente en desacordo. Ese tipo de actitudes son as que contribúen á mala imaxe dalgúns políticos. Reivindico a política con maiúsculas. Prefiro unha democracia con malos políticos que unha ditadura. Por aí si que non vou entrar.
-Non me dirá que nunca tivo que votar algo co que non estaba de acordo para acatar a disciplina de partido.
-A xente ten que saber onde está. Son socialista convencida e milito no partido que quero, participo en congresos e opino no partido que quero e ao que represento. E canto teña un problema moral volvo para a escola.