O autor mindoniense publica unha historia da escena mariñá
03 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Leva dúas décadas escribindo e dirixindo pezas teatrais, pero é mestre de profesión. Francisco Piñeiro (O Reguengo, Mondoñedo-1956) é o responsable dos grupos O Bordelo, A Adala e O Batán, e xunto coa súa muller, Mari Paz Rodríguez, tamén A Árdora. Todas as obras que representan saen da súa pluma, igual que a Historia do teatro afeccionado da Mariña, un traballo de investigación de catro anos, que se plasmou nun libro, recén editado pola Deputación de Lugo. Pideu que se distribúa por todas as bibliotecas públicas e escolares, a todos os grupos teatrais, a todas as asociacións culturais da comarca e aos colaboradores da obra.
-Repasa a historia desde 1835... ¿Como se documentou?
-Hai alusións anteriores ao ano 1835, pero en 1833 foi a primeira vez que o teatro se independizou dos hospitais e actos benéficos. En Ribadeo fíxose a Sociedade Filantrópica, cun edificio propio para o teatro. Foi o inicio do teatro afeccionado (que o foi todo ata hai pouco). O grave problema radica na documentación porque non se valora o traballo e o esforzo dos antepasados e non existen arquivos municipais nin parroquiais. Fun creando un entretecido de enlaces que me permitiron rebeirar toda A Mariña e apareceron cousas insospeitadas.
-A parte gráfica ten moito peso.
-Hai fotos dos grandes innovadores do teatro, Cunqueiro, Cortezón, Vilar Ponte, Manuel Lourenzo... Todos pasaron polo teatro afeccionado, e outros descoñecidos que, para identificalos, tiven que mandar as fotos por correo (electrónico) a América, onde queda xente con memoria das súas raíces. Hai máis de 200 fotos, algunhas foron restauradas, outras non tiñan calidade...
-¿Que cousas o sorprenderon?
-Hai cousas que te deixan anonadado, como a Asociación Artística de Mañente, creada por un mestre, don Bernardino, cunhas innovacións técnicas impresionantes, actuou durante catro ou cinco anos ata que descubriron que era un fuxido da Guerra Civil e o levou a Garda Civil para o cárcere...
-¿Quedou satisfeito?
-Un nunca queda satisfeito, si contento. Quedan moitos tesouros por descubrir, pero o meu obxectivo era buscar a primeira pedra e que veñan os seguintes colocando outras para construir o monumento do teatro afeccionado. Agradezo que me corrixan e aporten cousas. Onte chamoume unha señora que ten un arquivo que daba por destruído...
francisco piñeiro mestre, autor e director teatral
«O obxectivo era poñer a primeira pedra... Agradezo que me corrixan e aporten cousas»