Manuel Xestoso e Xosé Cid Cabido abordan a poliédrica traxectoria de Antón Reixa nun libro a medio camiño entre a entrevista e a biografía
03 oct 2012 . Actualizado a las 12:00 h.«Cid Cabido e máis eu tiñamos unha serie de conversas sobre a poesía galega e case sempre confluiamos en Rompente, case que como a experiencia de rotura máis importante que houbo na literatura galega dende principios do século XX, dende a aparición de Manuel Antonio», di Manuel Xestoso para situar as orixes do libro Antón Reixa. Ghicho distinto (Xerais, 2012), que vai ser presentado mañá na Libraría Librouro ás 20.00 horas.
O crítico literario e máis o escritor Xosé Cid Cabido afrontaron a ordenación da figura do actual presidente da Sociedad General de Autores de España (SGAE) como un libro de conversas sobre a súa obra e carreira. «Ten un sesgo biográfico porque a orde que segue o libro é biográfica, dende o seu nacemento ata hai un ano», acouta cronoloxicamente o libro Manuel Xestoso.
Visión desenfocada
O escritor apunta que Galicia é un país «pouco xeneroso cos seus creadores» e Antón Reixa abrangue tantos e diversos campos que merece ser destacado dun xeito conxunto. «Creo que hai unha visión desenfocada de Reixa, case sempre se fala del como o cantante dos Resentidos ou agora como o director da SGAE, pero creo que non había unha visión de conxunto, da multiplicidade de campos que abrangue», afirma o coautor do libro.
Toda esa plural creatividade de Antón Reixa ten, segundo subliñan no libro Xestoso e Cid, unha serie de momentos de gran importancia. «O lapis do carpinteiro foi unha película que a crítica non tratou moi ben, que ao mellor non é unha gran obra cinematográfica pero foi un éxito conseguir sacar unha película de produción propia, unha adaptación dunha novela dun autor galego e conseguir facer unha produción con capital privado, e iso ten a súa importancia para a industria; ou Marea vivas, que é un punto álxido na historia da televisión en Galicia; ou Galicia caníbal, unha canción que se escoitou en toda España. El vai conseguindo as cousas que o tempo lle permiten», sentencia Manuel Xestoso.
Sen trucos
O proxecto comezou cunha importante labor de documentación para despois pasar xa á realización dunha serie de entrevistas durante a primavera e o verán do 2011. Antón Reixa recibiu a proposta con sorpresa e «unha vez que veu que non había truco» mostrouse colaborador, aínda que os autores non o tiveron doado para enfrontarse coa axenda do poliédrico personaxe. «Despois de cada entrevista se replantexaba o traballo porque de súpeto aparecían achados que nós non contabamos e tiñamos que desviarnos e asimilar ás nosas previsións», explica Manuel Xestoso. «Cid Cabido e máis eu temos puntos de vista moi complementarios e non foi difícil traballar xuntos», engade.
O libro ten un caderno interior con preto de cen fotografías tamén ordenadas de xeito cronolóxico. «A documentación das fotos foi un traballo máis complexo que a redacción do texto porque había que acudir a varias fontes para documentar cada foto, pero o caderno axuda a ver en imaxes a súa traxectoria», manifesta Manuel Xestoso.