«O percorrido virtual pronto será vital para vender un negocio»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

FIRMAS

Fotógrafo estradense acreditado por Google para Fotos de negocios

25 sep 2012 . Actualizado a las 09:24 h.

Google acaba de lanzar en España unha ferramenta definitiva para a promoción de comercios e empresas. Utilizando a mesma tecnoloxía có aplaudido Street View, o novo xoguete permite que o internauta que pasea polas rúas virtuais dunha cidade entre nos locais comerciais ata a cociña. O fotógrafo estradense Carlos Núñez Rúa -da firma Emecé Fotos- está directamente implicado na implantación en España do novo producto.

-¿Cal é o seu cometido no proxecto?

-Calquera negocio que queira aparecer cun percorrido virtual na web ten que contratar un fotógrafo acreditado para facer ese traballo. Google non ten fotógrafos en plantilla para iso, pero certifica ós que o poden facer. En España aínda está empezando a lanzarse o producto. De momento hai 60 fotógrafos certificados en España e tres en Galicia. Eu son un deles. Os outros son de Vigo e Ourense.

-¿Cómo se consegue esa acreditación?

-Hai que participar nun programa de formación e despois traballar cuns equipos determinados e dunha forma moi concreta. Aquí non hai espazo para a creatividade. Márcanche unhas condicións de traballo moi estrictas en canto ós equipos a utilizar ou a forma de traballar con eles.

-¿E xa tivo moitos encargos?

-A cousa está arrancando, pero xa empeza a haber demanda. Eu penso que a posibilidade de facer un percorrido virtual pronto será vital para vender un negocio. Permíteche dar a ver mellor o teu negocio, entrar no establecemento e moverte por el como se estiveses alí en persoa. Para un restaurante vistoso ou un negocio cunha decoración atractiva é interesante para promocionarse. Imaxinemos, por exemplo, unha casa de turismo rural. Cando Fotos de negocios comece a implantarse e a xente se acostume, vai querer pasear pola casa para ver cómo é antes de contratar. Isto vai ser tan importante como foi no seu día ter unha páxina web do negocio. Tres fotos fixas poden non ser significativas do que é un negocio e, co tempo, a xente vaiche esixir ese percorrido virtual.

-¿Hai algún negocio da comarca que xa se poida percorrer de modo virtual?

-Nós temos unha páxina web para ese producto onde se poden ver xa algunhas. É http://fotosdenegocios.net. Nela aparecen a Escola Infantil Elfos ou o Café bar Tertulia. Emecé Fotos tamén ofrece xa a posibilidade de percorrer o establecemento desde a súa web. O pub Momo, de Santiago de Compostela, tamén está.

-¿Canto lle pode costar a un empresario ofrecer unha visita virtual?

-Depende do longo que sexa o percorrido. Canto máis grande sexa o local ou máis percorrido se queira amosar, máis caro será. Págase polo que se enseña do negocio, pero o empresario pode elixir a qué zonas deixa entrar ó internauta e a cales non. A partir de douscentos euros pódense facer cousas.

entrevista carlos núñez rúa