«Levo un punto extra de ilusión a esta Vuelta a España»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

MARTINA MISER

O de Bamio fai a súa análise previa, aspirando a unha gran crono a carón da casa

18 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Gustavo César Veloso é hoxe o único ciclista galego en tomar a saída en Pamplona na Vuelta a España 2012, nunha contrarreloxio por equipos que disputa co xersei do Andalucía. O vilagarcián ofrece a súa análise previa dunha ronda con marcado sabor arousán no seu trazado.

-¿Como chega a esta Vuelta a España? ¿A estas alturas da tempada aféctalle aínda non ter competido durante o 2011?

-Por falta de competición xa non é. Levo uns 50 días de carreiras. Estou no meu mellor momento de forma. Evidentemente, non vou gañar a Vuelta. Vou tentar facer a mellor contrarreloxio que poida. É unha especialidade que me encanta. Vívoa. E vaise facer a carón da miña casa. Para min vai ser unha Vuelta diferente a todas as demais que corrín. Especial. Na primeira non sabía a que me estaba enfrontando. As seguintes eran algo que tiña automatizado. Logo dun ano sen correr, corro coa ilusión da miña primeira Vuelta, pero coa experiencia que teño agora, con cinco voltas grandes. E agardo poder explotar esa experiencia. Levo un punto extra de ilusión.

-Para vostede, nin é a primeira Vuelta, nin probablemente vaia ser a derradeira...

-Bueno. A primeira non é. Iso seguro. Que vaia ser a última, non sei. Remato contrato a final de tempada, e non teño amañado o futuro. Eu quería voltar correr. E quero seguir correndo. Pero se non teño equipo, teño claro que non vou repetir outro ano parado, adestrándome sen competir. Colgaría a bicicleta. Cos meus anos, e coa traxectoria que teño, non vou mendigar.

-¿Ve algún novo Xorret de Catí para Gustavo César Veloso?

-Home... Non sei. Ao final hai que ver como se vai desenvolvendo a carreira día a día. Como van os líderes, ver como van e como actúan especialistas en etapas como a que remata no mirador do Ézaro. Este ano hai moitos finais en alto, e está máis complicado para as fugas.

-Unha soa crono individual, moita montaña e un percorrido limitado ao terzo norte, sen medo a temperaturas infernais ¿Gústalle o trazado?

-Si. Ao final todas as Vueltas acaban sendo duras. Sexan no norte, no sur... Si e certo que prefiro a climatoloxía do norte cá do sur. Pero ao final nós adaptámonos a todo.

-Este ano a ronda conta cun cartel de luxo. ¿A quen ve gañando a Vuelta 2012?

-Por suposto, para min, o candidato número un é Contador. Pero en ciclismo poden pasar moitas cousas. Caídas, abanos... un montón de factores que che poden facer perder a Vuelta. E logo haberá que ver a Froome, a Purito. Valverde, Menchov... Pola televisión semella que as cousas son máis sinxelas, pero no medio da carreira vense moitos movementos, con pezas secundarias, que poden decidir ao mellor non quen gaña, pero si quen perde unha Vuelta.

-¿Como se sinte sendo o único galego na liña de saída de Pamplona?

-É unha sensación un pouco agridoce. Por estar aquí, pero por ter compañeiros que merecían estar tamén, e que non poden estar. Xente de moita calidade que queda polo camiño por falta de apoio a este deporte, nestes momentos tan duros, polo que están na súa casa. Ou na Vuelta a Portugal. Eu tento centrarme no que me toca.

-Analícenos as xornadas pontevedresas. A primeira, Ponteareas-Sanxenxo...

-Nun principio non ten ningunha dificultade. O porto na saída, San Cosme, non é excesivamente duro, pensando para que se forme unha fuxida. Parece que todo é chan, pero ten repeitos continuos, sobes e baixas, rompepernas. E se se corre rápido, a xente que vaia un pouco xusta, resentiráse. Se o ritmo é alto, vai pasar factura. O bo é que se virá dunha xornada de descanso.

-Ao día seguinte, a única contrarreloxio individual da Vuelta, entre Cambados e Pontevedra...

-É unha crono dura. Xa saes callejeando. A saída será un dos momentos clave, porque non podes gañar moito tempo, pero como a tomes relaxado, podes perdelo. Os 13 primeiros quilómetros tras a saída son para especialistas. Eses quilómetros hai que facelos como se a crono rematara no alto do porto de Armenteira. Logo habería que aproveitar a baixada, duns 6 ou 7 quilómetros, rápida e técnica, para recuperar. Quedarán despois outros tantos quilómetros de contrarreloxio, que son de darlles aos pedais, e onde se poden marcar as diferenzas entre a xente que chegue igualada ao porto. Vexo a Contador favorito. O meu obxectivo é tentar estar entre os quince primeiros.

-¿E como se presenta a Vilagarcía-Mirador do Ézaro?

-É unha etapa na que seguramente vaia haber moita loita desde o comezo. É un terreo propicio para que se monte unha fuga. Imos subir o Pousadoiro co pelotón neutralizado. Desde Caldas ata a Estrada é todo subida. Repeitos, con máis subidas ca baixadas. Eu supoño que se formará un grupiño, que loitará cun equipo ao que lle interese lanzar algún corredor para gañar no Ézaro.