¡Festa!

Alicia Fernández

FIRMAS

01 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

É posible que a moitas persoas non lles sexa doado levantar a vista dos problemas presentes e das ameazas do seu futuro. Quizais vivamos a etapa máis difícil pola que atravesou o país dende a Guerra Civil. Tempos de inquedanza, momentos de incerteza. Todo isto, de por si importante, vese aumentado pola falta de valentía, capacidade de liderazgo e honradez da clase política. Un selecto club de privilexiados que soportamos pacientemente en España. E con eles aos seus chiringuitos, dispendios ou, directamente, malversacións. Senón o fixeron xa, convídoos a ler o artigo do presidente de La Voz de Galicia o pasado xoves. Unha vez máis, con precisión de cirurxián, pon a pluma na chaga. É a verdade e hai que decila, aínda que poida doer. E por iso cómpre que os cidadáns tomen a iniciativa. Primeiro para non esquecer todos os desmáns dos responsables públicos e daquelas empresas que tiveron que ser saneadas co diñeiro dos contribuíntes. E segundo, diante da incompetencia e ausencia dos políticos, para tomar a iniciativa no máis amplo sentido da palabra.

Pero tamén para non esquecer que a vida é unha experiencia irrepetible que debemos aproveitar. Dentro da tempestade temos que ter esperanza. Como lle dixo un preso máis vello a un rapaz de Boiro que entraba no cárcere alá polo 1936: «Nunca o corvo foi máis negro que as ás». Hai que buscar momentos para o sorriso e para a diversión. Para a nosa familia e os nosos amigos. Compartir con eles as tradicións.

Esta mesma semana, o xoves, houbo unha festa da comarca. La Voz de Galicia celebrou os 25 anos da edición do Barbanza, acto no que estaban moitos dos persoeiros que escriben cada día a súa historia. Tamén a lembranza para os que a escribiron e xa non están, e para tantas outras persoas que o fan de xeito anónimo. Unha xornada de animadas charlas, confrontación de ideas e reflexións. Agora máis que nunca non hai que deixar apagar a idea da comarca.

E o venres chegou o pistoletazo de saída para as festas do verán. As primeiras en Boiro ¡Cantos recordos e vivencias! A ledicia da xente: os reencontros e os xantares, os paseos e os viños, as verbenas e as atracións. Son as festas de todo o concello, sen localismos baratos. Cada ano con novas anécdotas que sumar. Unha das imaxes que nunca se me borrarán era a cara de alegría cando de rapaces estreabamos roupa nestes días. Ou cando descubriamos as novas atraccións, facendo máis contas que Montoro para montar na maior parte. Dende esta humilde colaboración pídolles que durante estes días deixemos a un lado os problemas e que, dentro das posibilidades de cada quen, gocen o máis posible das festas. Colguen o traxe dos problemas diarios e poñan a chambra da diversión, do bo humor e da tranquilidade. Non teñan cargos de conciencia. É un premio ben pequeno para tantos esforzos como facemos ¡Que non nos recorten os momentos de felicidade! É unha cuestión de actitude e non de cartos, na que Angela Merkel non pode meternos a tesoira ¡Moita saúde e diversión para todos!.