A asociación lalinense fixou para o 24 de xuño o xantar de veciñanza ao que se prevé asistan máis de 200 persoas
17 may 2012 . Actualizado a las 10:07 h.A Asociación A Nosa Escola de Soutolongo (Lalín), que preside José Luis Pereira Otero, acaba de fixar data para a súa segunda comida popular. Será o 24 de xuño, con celebración do San Xoán pola noite, e mesmo prepara máis actividades para os vindeiros meses.
-Preto de dous anos ao fronte do colectivo, ¿balance positivo?
-Moi positivo. Puidemos comprobar a óptima resposta dos socios e dos veciños ás actividades que fomos programando e agardamos manter esa boa resposta.
-Un curso de cociña e unha exposición de fotografías antigas foron as últimas propostas...
-O curso de cociña que se celebrou pola noite no centro social, organizado polo sindicato Xóvenes Agricultores, tivo unha magnífica resposta. Por outra banda, recentemente colgamos no local social unha exposición de fotografías antigas -que estaban directamente relacionadas con actos celebrados no centro social nos últimos anos- ou con traballos desenvolvidos polos veciños da parroquia -como foi o arranxo dunha pista ou do campo de fútbol de Vista Alegre- que suscitou interés por parte dos veciños da parroquia que se achegaron a ollar a mostra e mesmo solicitaron copias dalgunhas das instantáneas que se exhibiron, e que forman parte dos fondos fotográficos que temos na asociación.
-¿Cal é no calendario a seguinte actividade?
-A comida popular que celebraremos o 24 de xuño. É unha comida que permite estreitar lazos entre veciños. É unha ocasión para reunirse a parroquia e confraternizar. O ano pasado, que era a primeira experiencia, conseguimos xuntar a 270 persoas e nesta ocasión pensamos que poderíamos estar entre 250 e 300. O menú será o mesmo: empanada, churrasco, postre e café. Comezaremos con misa campestre ás 13.30 horas, sesión vermú cun grupo musical e poderá ollarse unha exposición de vehículos antigos que nos traerá a Escudería de Clásicos O Toxo. O programa tamén contempla a celebración da segunda Ruta Cabalar a Soutolongo. Traballando tamén na organización duns concertos antes de setembro.
-Coincide o xantar coa festividade do San Xoán...
-Por iso continuará a festa pola noite. No prezo da comida, 15 euros para socios, cabaleiros e membros de O Toxo, inclúese a cea a base de chourizos e panceta e haberá tamén un dúo musical para amenizar a velada. Os que non sexan asociados deberán de abonar 20 euros, e os menores de 10 anos non pagarán. Para participar na comida hai que retirar as invitacións antes do vindeiro 15 de xuño.
josé luis pereira otero presidente de «a nosa escola»