A prosa de Manuel Antonio abre unha nova colección da Academia

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

FIRMAS

Ao volume seguirán a publicación do epistolario, poesía e una biografía

06 may 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

En xaneiro de 1930, unha nai, ferida pola dor de perder a un fillo de 29 anos, pecha o seu cuarto. Dentro fican os cromos da infancia, a lousa da escola, apuntamentos, axendas con enderezos e anotacións, cartas de amor escritas durante a adolescencia e unha lista de amigos aos que debe resposta postal, entre outros moitos obxectos. Os mesmos que agora, tantos anos despois, son quen de falar a un biógrafo que os queira escoitar.

Esa vida fanada era a do escritor rianxeiro Manuel Antonio (1900-1930) e o biógrafo é Xosé Luís Axeitos, quen traballa no material que, felizmente, deixou a quen cualifica de «gardador de papeis». Son documentos de gran utilidade para reconstruír a vida do autor e, asemade, achegarse á súa faceta literaria, para o que Axeitos dispón tamén da súa biblioteca ou de recibos de pedidos de libros.

A biografía formará parte dun proxecto de vocalización totalizadora dedicado a Manuel Antonio que asumiu a Real Academia Galega e do que acaba de ver a luz o primeiro chanzo: a publicación, na nova colección Clásicos da Academia, da prosa dun escritor máis coñecido pola súa poesía. O volume reúne o seu influínte manifesto, asinado con Álvaro Cebreiro, Máis alá!, pero tamén anacos de prosa literaria e reflexións próximas ao ensaio sobre cuestións culturais e políticas. «Son escritos coetáneos á súa produción poética, algúns de cando tiña 18 ou 19 anos. Hainos inacabados, pero outros están pasados a limpo, listos para dar ao prelo», confirma Axeitos.

A edición, que reproduce graficamente un bo número de manuscritos autógrafos de Manuel Antonio, respecta os hábitos gráficos do autor, de especial interese por escribir nun tempo de debate e desenvolvemento da ortografía galega.

Ademais, a colección busca ofrecer ao lector, a un prezo asumible -20 euros- unha edición dunha calidade á altura da poesía de Manuel Antonio, tanto no criterio filolóxico como no deseño e coidado.