O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, repasa o cambio do século XIX para o XX en España
19 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O cambio do século XIX para o XX foi movido na historia de España. Ese período protagoniza o sétimo volume da Historia de España que publica Crítica e que será presentado esta tarde (Fnac, A Coruña, 19.30 horas) polo seu coautor, Ramón Villares, coa presenza do director xeral da Corporación Voz de Galicia, Lois Blanco, e o catedrático de Oftalmoloxía da Universidade de Santiago Manuel Sánchez Salorio.
-No seu libro fálase de tempos moi axitados. ¿Cabe algunha comparación co presente?
-Cabe algún paralelismo, pero na historia nunca se repiten as cousas. Hai algúns paralelismos no sentido de que, entón como agora, había unha monarquía parlamentaria, dous partidos hexemónicos e unha crise económica. Pero a dimensión era moito menor.
-Aquel modelo parlamentario rematou nunha ditadura.
-Digamos que agora as solucións autoritarias militares están descartadas, pero as solucións autoritarias técnicas non, e só temos que ver o caso de Italia.
-En casos de obras como esta, ¿cal é o traballo dun historiador?
-Para ser historiador hai que ter oficio. O que quere dicir que hai que ter unha capacidade interpretativa e un estilo narrativo. A historia naceu como literatura, despois foi filosofía e agora é literatura máis filosofía e máis técnica.
-¿Quere dicir que non hai historiador se non se combinan eses elementos?
-Nin historiador nin case calquera outra cousa. Oficio investigador, interpretativo e narrativo teñen que ir xuntos. Creo que por iso ten tanto éxito a historia inglesa, a escola anglosaxona, porque conciben o relato histórico como un modo de contestar preguntas.
-¿O menor seguimento á historia en España débese a falta de interese ou a como se practicou o xénero?
-Ás dúas cousas. Na cultura española hai unha relación morbosa co pasado. Crese que é moi importante, pero hai medo a debatelo. Ten que ver coa reacción na transición a como o franquismo utilizou a historia como elemento lexitimador. Isto vese moi ben cando comparas casos veciños. En Portugal, por exemplo, a historia ten unha presenza na vida cultural que en España non ten. Hai uns anos publicouse unha historia de Portugal escrita por académicos solventes e foi un éxito de vendas.
-O que os historiadores escriben agora chegará nalgún momento á escola. ¿Como funciona ese proceso?
-Hoxe temos un paradigma difícil de definir. Aquela vella historia de España como problema está abandonada. Á escola está chegando un modelo de historia máis social, o modelo da transición democrática. Bastante historia moderna e contemporánea, e poucos fastos imperiais.
-¿Como cre que son percibidos os historiadores hoxe en día?
-Dependendo dos países. En España, por exemplo, as clases dirixentes, políticas ou empresariais non teñen coñecementos sobre esta materia. As elites non saben historia e a posición social do historiador é máis feble. Creo que a historia perdeu importancia social, pero tamén creo que a xente a le con gusto.
EN Santiago de Compostela UN Mércores DE 12.00 a 1.00 horas.