«Cada vez queda menos tempo para licitar a xestión das escolas»

FIRMAS

O rexedor e outros concelleiros inician hoxe un peche de 24 horas

17 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e outros concelleiros de Narón iniciarán hoxe ás doce do mediodía un peche de 24 horas no salón de plenos para demandar á Xunta que aporte o seu terzo de financiamento para as escolas infantís municipais. O rexedor falou onte para Radio Voz Ferrol (105.4 FM).

-O Concello si estará presente na próxima reunión coa Xunta.

-Aínda non nos chamaron, pero é positivo que nos chamen a unha negociación, porque é o que levamos dicindo dende o ano 2009. Porque hai que facer historia, isto non é unha cuestión de que ao Concello lle deu a real gana de facer unhas escolas, e agora porque lle da a real gana se quere desfacer delas, iso non é certo. A historia comeza a principios do ano 2000 cando en Narón había unha necesidade de escolas infantís, porque había moita xente nova. Fomos á consellería nese momento e o prantexamento foi que non había cartos, e como Narón podía asumila construción coa axuda da Xunta, así foi, no 2003 puxemos en marcha a da Solaina con un terzo do Concello, outro da Xunta e outro dos pais. Logo a de Piñeiros e a da Gándara. O que pasou a partir do 2007, é que o Goberno galego empezou a baixar o diñeiro.

-¿Cando comezan as primeiras comunicacións coa Xunta?

-No 2009 cando entro de alcalde me deu conta de que temos un problema que ía empeorar porque cada ano baixaba máis o diñeiro por parte da Xunta. No 2010 volvemos a insistir e no 2011 prantexamos que era imposible. Se poñemos en marcha Xuvia, o Concello ten que asumir un coste de un millón de euros.

-¿Por que non ve viable solicitar as subvencións que di a Xunta?

-Porque temos que facer unha concesión a unha empresa privada e teremos que saber de onde sacar os cartos. Non podemos dicirlle á empresa que vai cobrar do Concello e dos pais e da Xunta non sabemos cando cobrará. Pode pasar que nos dean 40.000 ou que nos dean cero.

-¿Por qué non había ningún representante do Concello na reunión dos pais coa Xunta?

-Porque a Xunta entendía que non era necesaria. Aos pais a directora xeral díxolles que non tiñan constancia de que o Concello de Narón se tivera preocupado con anterioridade dese tema, pero os pais levaban todos os escritos recibidos co sello de entrada da consellería do ano 2009, 2010 e do 2011. Pero se as mobilizacións serviron para que nos sentemos a falar, benvido sexa. Esperemos que non nos queiran reunir para tomarnos o pelo aos veciños de Narón.

-¿Que espera desa reunión?

-Que se faga o mesmo que no resto de concellos galegos, dunha maneira ou doutra. En todos os convenios que están firmando con todos os concellos de Galicia, din que a Xunta ten que aportar un terzo. ¿Por que en Narón é diferente? ¿Por que os veciños non votaron PP? Parece que así é.

-¿Ten medo de que as escolas non podan abrir o próximo curso?

-Cada vez máis. Porque sacar o concurso de xestión das escolas é un proceso longo e cada vez queda menos tempo. E nos estamos prolongando moito.

JOSÉ MANUEL BLANCO ALCALDE DE NARÓN