O gañador dos 2,8 millóns é un obreiro de Chantada que levaba catro meses no paro
17 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Sabe que para un millonario é difícil pasar desapercibido en Chantada. M.A. sospeita que moitos veciños seus averiguaron xa, ou supoñen, que foi el o gañador dos 2,8 millóns de euros da Bonoloto do día 4. En todo caso, non quere aparecer en fotos nas que se lle poida identificar, nin autoriza a difundir máis que as dúas iniciais do seu nome de pila. Ao fin e ao cabo, «tampouco é para tanto». di cun punto de ironía e outro de humildade. Será porque, según el e os seus amigos, estaba convencido de que algún día lle acabaría tocando. Desde logo, por intentalo pouco non ía ser. Ten 45 anos e xogaba desde os 20. A diario.
-¿Que vai facer vostede con 2,8 millóns de euros?
-Algunhas cousas, non moitas. Investirei algo e logo xa veremos.
-¿Xogaba con frecuencia?
-Tíñao moi loitado, si.
-¿E tocáralle algo algunha vez?
-Si, pero trescentos, catrocentos, mil euros... Cousas así.
-¿Como se enterou de que gañara 2,8 millóns?
-Aquel día comimos xuntos toda a familia, porque viñera un irmán que vive fóra. Ao chegar á casa puxen o teletexto e vino.
-¿Algunha vez pensou que lle podía tocar un premio tan alto?
-Tiña moita fe niso.
-¿Desde cando xogaba?
-Desde os 20 anos.
-Todas as semanas?
-Non apostaba cada semana, apostaba cada día. Poñía según o bote que houbese ou según os cartos que tivese. Xogaba a todo, Bonoloto, Primitiva, Euromillón... Á Bonoloto un pouco máis, porque é máis barata.
-¿Que sentiu no momento que o soubo?
-Que me arreglara a vida, case.
-¿Case?
-Case, porque estes tampouco son todos os cartos do mundo. Non son moi vello, pero pasei por todo. Tiven momentos de moito diñeiro -non coa lotería, traballando- e outros fastidiados de accidentes e dificultades. Estou acostumado a pasar cousas e isto non me afecta tanto.
-Di que xa pasou por todo. ¿En que momento estaba agora?
-Facíame falta diñeiro, pero eu son loitador. Ía librando.
-¿Cal é a súa profesión?
-Fixen de todo: construción, camioneiro, taxista...
-¿Está no paro?
-Levo catro meses no paro. Traballaba de oficial nas obras do corredor Sarria-Monforte e tiña unha nómina normal. Veu unha reducción de persoal e... Pero penso que me ían volver coller.
-Pois xa non lle van ver o pelo máis por alí, ¿non?
-Visitar vounos ir visitar. Pero traballar de momento non penso. Falo de traballar coas mans, non coa cabeza, porque isto dá traballo. Pero do traballo manual penso que podo librar. [risas]
-¿En canto se enterou, a quen llo contou?
-Aquel día estaba coa miña nai, así que a chamei e díxenlle o que pasaba. E logo chamei á miña irmá, fomos a súa casa e comprobamos os números en Internet. Aí vin que non había máis acertantes. Foi unha alegría moi grande, porque esta cantidade, aínda que non sexa ningunha cousa doutro mundo, está moi ben.
-¿Esa noite deu durmido?
-Sen contar mentira ningunha, dígoche que durmín polo menos cinco horas. E non foron máis non porque eu non dese, senón porque non me deixaba a miña familia. Eles estaban máis nerviosos que eu.
-O sorteo foi o mércores da Semana Santa. O xoves era festivo e os bancos estaban pechados. ¿Que fixo co recibo?
-Antes disto, eu cartos non tiña, pero amigos si. Por unha persoa que traballa nunha entidade bancaria tiña contacto con bancos.
-Non agardou a ver que condicións lle ofrecían.
-Nese momento o caso é gardar o papeliño. As condicións veñen despois.
-¿Por que non quere que se saiba quen é vostede?
-Tocoume a min como lle podía tocar a outro. Non é ningunha heroicidade nin nada do outro mundo. Eu son o mesma que era antes e quero pasar desapercibido, aínda que non sei se darei.
-¿Por que o di?
-Se tiñas un soldo de novecentos euros e compras un coche de 60.000, en Chantada acábase sabendo.
-¿Xa se deu algún capricho?
-Algún. Teño xa medio comprado un piso que non tiña, e máis cousas, pero tampouco...
-¿Non tiña casa propia?
-Teño unha casa na aldea, pero por circunstancias vivo aquí [en Chantada] nun piso de aluguer.
-¿Asesórase con alguén?
-Si, aínda que non sexan moitos cartos hailles que buscar un fin, polo menos para non perdelos. Pero non fai falta que ninguén me diga que non preciso traballar máis, porque iso xa o sei. Só fixen a EGB, pero por traballo e por cousas, algo de números sei.
-Sabe que hai xente que gañou moitos cartos en xogos de azar e perdeunos en pouco tempo.
-Pode pasar de todo. Pero creo que non vou ter ese problema.
-¿Tampouco ten medo a que lle aparezan amigos ata debaixo das pedras?
-Sei quen son os meus amigos.
-¿Por que aceptou contestar esta entrevista?
-Porque mo pediches. Non nos coñecíamos, pero ¿por que non che había de facer un favor se non me custa cartos? [risas]