Xosé Neira Vilas presentou «Esperando o leiteiro»
12 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Xosé Neira Vilas acudiu onte á biblioteca viguesa que leva o seu nome para presentar Esperando o leiteiro (Galaxia), unha novela que regresa ás aldeas da década dos anos corenta.
-¿De que fala nesta novela?
-Dun mozo campesiño que vai emigrar pero perde o coche e confía en que o leve o camión que recolle o leite. Mentres agarda, o mozo reflexiona sobre a súa vida. Atoparase cun home que estivo na guerra e lle fala dela. É unha reflexión, en segunda persoa, dun mozo.
-¿É unha historia persoal?
-Pode que teña algunha cousa porque é a reflexión dun mozo e dunha época que eu vivín nos anos corenta.
-¿Ten algo de Balbino ese mozo?
-Non exactamente pero puidera ser. Cando el evoca a súa infancia, pode ser tamén un Balbino porque daquela eran miles. Pode ser que con doce ou trece anos Balbino fixese algúns traballos que el facía; pode ser que Balbino asistise á mesma escola que el asistiu ou que tivese as mesma experiencias coa igrexa, os foguetes... Cando a vida del cruza por esa idade puidese ser que fose un Balbino máis, aínda que expresado literariamente doutra maneira.
-¿Recupera nesta ocasión o realismo social crítico?
-Non me gusta que me encadren, pero realista si que é. Moitas veces encádranme así, pero teño libros de pura ficción que non encaixan aí. Esta é unha novela curta, densa, toda seguida, sen puntos e aparte nin capítulos e está contada en segunda persoa. Ademais hai unha cousa que habitualmente non ve a xente en min, hai humor; aínda que evoca días feos, malos, de pobreza. Está narrado con humor.
-¿Traballou coas mesmas pautas que en obras anteriores?
-É un enfoque distinto, apoieime na miña memoria dunha época. A pauta nun escritor é a linguaxe que emprega, o ritmo, e neste caso hai unhas formas distintas. Non é moi usual o emprego da segunda persoa, nin o humor é habitual en min.
-¿Anda con outros proxectos?
-Quero escribir sobre a miña etapa cubana e teño entregado un libro a Galaxia sobre Paco del Riego. Coñecino no ano 1954 e inclúo no libro un epistolario. Tamén teño pendente o libro Correspondencia Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, que son cartas cruzas con eles. O 19 de abril presentarei tamén en Ferrol Cen anos do himno galego.
-¿Ten necesidade de escribir?
-Teño necesidade, o que non teño é tempo.
xosé neira vilas escritor
«É unha obra curta, sen puntos nin capítulos e está contada en segunda persoa»
«Cando o personaxe evoca a súa infancia, pode ser tamén un Balbino»