A Xunta vén de inaugurar unha web, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, chamada Eucirculo. A súa finalidade é concentrar recursos e ferramentas para a educación viaria en todos os ámbitos do complexo mundo que constitúe o tráfico.
Na páxina destacan os capítulos dedicados a Actividades, Recursos e Normativa (unha recompilación das indicacións do currículo oficial referidas á materia), ademais dun Glosario que non virá mal para entender o significado exacto dalgúns conceptos.
No apartado Actividades, hai varios enlaces, entre os que destacan os que levan aos «Obradorios» das xefaturas provinciais de Tráfico, desde os que se pode solicitar información, materiais didácticos e mesmo a colaboración de expertos que acudirán aos centros para falar cos alumnos. Neste apartado tamén se recollen iniciativas dos centros escolares.
En Recursos, as propostas son moi variadas, pero destaca para os nenos o Vial-Test, unha web que propón un xogo para que os alumnos comproben os seus coñecementos en educación viaria.