Talvez non sexa máis que unha lenda. Pero, como todas as lendas, agochará algún átomo de verdade baixo a súa beleza mitolóxica. Contan que Ramón Gómez de la Serna cargaba a súa estilográfica con tinta vermella para non esquecer xamais que escribía co seu propio sangue. Sabía o gran Ramón, como Shakespeare, que esa é a materia da que están realmente feitos os soños. A literatura xenuína non é mais que un palimpsesto no que cada un tatúa, xeración tras xeración, a súa existencia. Non hai máis. O resto son imposturas (ou, aínda peor, posturas).
Rosalía, que recolle un idioma de entre as ruínas arqueolóxicas e o reinventa, pertence a esa estirpe de calígrafos. Confésano nun verso memorable de Follas novas: «Mollo n?a propia sangre a dura pruma». Así só escriben os grandes. Os xigantes que levan a ombros o peso das letras universais. Como Charles Bukowski, que escribía mergullado no whisky porque o whisky é, segundo admite nun dos seus poemas, «o sangue dos covardes».
Son os que se desangran sobre a páxina porque cren, con Jean Paul Sartre, que se a literatura non o é todo, absolutamente todo, entonces non paga a pena perder nin un só minuto con ela. Ou se escribe mollando o portátil no sangue último ou se cala un para sempre.
Eses son, desde Baudelaire e Rimbaud, os dados cos que xoga a escrita.
Por iso, 175 anos despois, aínda lemos a Rosalía. Porque nela estaba xa a poesía do eu. A automoribundia. A modernidade. O resto non é literatura. É márketing, ou sexa, nada.