Unha necesidade e máis en época de crise

José Crespo TRIBUNA

FIRMAS

17 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Vimos de pasar páxina a unha época na que viviamos na sobreabundancia, na que todos queriamos ter de todo e na que se cometeron moitos excesos. O exemplo máis evidente é ter tres aeroportos en Galicia para 2.700.000 habitantes. Hoxe nada é igual. Nin volverá selo. Polo menos para a nosa xeración. Hoxe temos poucos recursos, polo que desde a responsabilidade que nos atinxe aos cargos políticos debemos actuar con eficiencia e sensatez. En todos os ámbitos. E como non, nun asunto tan crucial como é o da planificación das infraestruturas. Temos que ser quen de optimizar ao máximo e de poñer en valor os recursos existentes. Baixo esta premisa, a de dar sentido aos medios que temos, considero totalmente acertada a iniciativa do alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, de levar a estación do AVE a Lavacolla.

Porque se trata de dar «vida» ao aeroporto central de Galicia, que deste xeito estará conectado co eixo atlántico ferroviario e coas cidades galegas a menos de 45 minutos a través de autoestrada. A situación de centralidade e as súas infraestruturas fan de Lavacolla o aeroporto principal de Galicia. De aí que se faga necesario impulsar esta terminal para lograr que se asente como o centro de referencia das comunicacións en Galicia, feito ao que contribuiría de modo decisivo que o AVE tivese parada en Lavacolla, o que facilitaría ademais enormemente a intermodalidade no transporte.

Deste xeito estaríamos no camiño de ter un aeroporto competitivo e evitariamos que moitos galegos fosen na actualidade coller os seus voos a Oporto. Porque a actual articulación dos aeroportos galegos é insostible e inviable, desde todas as ópticas, tamén desde a económica. Só cunha visión parroquiana e non adaptada aos tempos que corren, de optimización de recursos, se pode rexeitar esta proposta. É moito mellor que haxa un que funcione de xeito rendible e que estea ben comunicado. E hoxe por hoxe é Lavacolla. A ver, se desta, sabemos aproveitar a oportunidade que nos pasa por diante.