O xigante máis pequeno

FIRMAS

06 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Definíase a si mesmo como un «conservador libertario», apuntando de seguido coa súa ironía conxénita que, pola contra, o noso país está cheo de conservadores que, en realidade, non queren conservar nada, senón botar abaixo o pouco antigo que aínda queda para construír algo totalmente novo, que é o que dá cartos de verdade. Isaac era un conservador libertario ao xeito dos ianquis Walt Whitman ou Henry David Thoreau, que sabían que a democracia ou medra sobre a base da liberdade individual ou queda reducida ao absurdo. Isaac pensaba que había moito que conservar, e entregou boa parte da súa vida a restaurar a memoria dun país desmemoriado e crebado pola fenda insondable da Guerra Civil. A colección Documentos para a historia contemporánea de Galicia, que creou no selo Ediciós do Castro e na que publicou o seu tremendo testemuño vital Galicia hoy, foi esencial para recuperar a perspectiva histórica do século XX. Un tempo de paradoxos e excesos no que un rapaz de 16 anos chamado Isaac foi quen de chamar «reaccionarios» a Castelao, Ánxel Casal e ao seu pai, Camilo Díaz Baliño, que lle pedían moderación na campaña do Estatuto do 36.

Díaz Pardo, inquedo coma os neutrinos, tamén quería reinventar Galicia. E certamente reinventouna da man doutro intelectual multiplicador de artes e proxectos, Luís Seoane, co que fundou o Laboratorio de Formas do que emerxerían logo, entre outras, as resucitadas industrias do marqués de Sargadelos e o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Sobre o seu lendario xenio, lembraba onte Xosé Luís Méndez Ferrín a marabillosa frase de Valentín Paz Andrade sobre este indomable intelectual de corpo miúdo: «Nunca coñecín a un xigante tan pequeno». Quizais sexa o mellor retrato posible do enorme Isaac.