R ecibín a noticia do pasamento de Díaz Pardo nas horas previas á toma de posesión da miña nova responsabilidade no ámbito cultural. As cavilacións sobre as incertezas e dificultades nas que nos toca desenvolver as nosas tarefas non son comparables ás das vivencias vitais dun artista completo, arriscado e xeneroso, que tivo a afouteza de vivir cunha ansia incontestable de construír para o ben común.
Aquel mociño ao que lle mataron o pai, que pasou meses nun agocho, que saíu da súa terra entre o medo e a valentía de marchar, seguía a ser recoñecible entre as marcas do tempo dos que o coñecemos xa vello. Díaz Pardo sorría con ironía coma un rapaz, espetaba o que sentía coa naturalidade coa que o fan os máis novos, pero construíu sempre, traballou sempre.
Se algo representa a traxectoria total de Díaz Pardo é esa capacidade de crear e de manter un espírito permanentemente renovado ao longo dunha historia vital difícil ata o final. O balance desa traxectoria é orgullo para a nosa cultura, para a nosa lingua e para a nosa construción empresarial. O seu labor e a súa ansia permítennos contar hoxe unha Historia con maiúsculas xa máis rica e extensa: o Laboratorio de Formas, o Seminario de Estudos Galegos, os títulos difundidos a través de Ediciós do Castro, as súas cerámicas do Castro e de Sargadelos.
A súa vontade de innovación e a súa singular capacidade creativa recoñecémola os galegos e as galegas neste intenso azul que logrou institucionalizar nas nosas casas engalanadas. Un azul cobalto nacido de recuperar historia para construír futuro e que leva viaxado polo mundo como un símbolo noso, como un anaco de terra coa que presentarnos. Foi artista a través desas pezas e foi empresario para un país, adiantándose ás tímidas tendencias da responsabilidade social empresarial coas que comezan a despuntar as grandes firmas.
Se pensamos cultura para un país non parece mal exemplo mirarse colectivamente no espello de Isaac Díaz Pardo. Hase escribir moito sobre a súa contribución a Galicia, ao que el había replicar, unha vez máis, co seu sorriso retranqueiro, con que todo iso non era máis ca unha morea de fracasos. Quen nos dera que se multipliquen fracasos coma eses. Moitas grazas, Isaac.