A procesión marítima partirá da praia de Mourillá este domingo ás 12 horas nunha mañá posiblemente chuviosa
05 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un ano máis, a parroquia de Meirás, en Valdoviño, celebra unha das festas máis populares de toda a comarca de Ferrolterra: a homenaxe á Virxe do Porto. Mañá, domingo día 6, terá lugar a tradicional procesión marítima, que bordeará un dos lugares máis fermosos da costa de Valdoviño. Nesta ocasión, a procesión partirá ás 12 horas dende a praia de Mourillá, se así o permiten «o tempo e o mar», como esperan dende a Comisión de Festas de Valdoviño, posto que a previsión meteorolóxica augura chuvias arredor desta hora. Unha vez rematada a procesión, celebrarase a misa solemne no aparcadoiro de Mourillá, que voltará a contar coa coral polifónica Alentía de Meirás para poñer música ao evento. Deseguido, o grupo Jaque, que participará por segundo ano consecutivo nas festas, amenizará unha longa sesión vermú que poñerá o broche final á Romaría da Virxe do Porto.
Segundo informa a comisión de festas, habilitarase un espazo de estacionamento de vehículos tanto para persoas discapacitadas coma para o persoal traballador da romaría, todo grazas á cooperación e organización brindadas por Protección Civil.
Polo momento, a festa iniciada o pasado venres coas actuacións da orquestra Saudade e do grupo Pasión (unha agrupación da Coruña que, ao igual que o grupo Jaque, tamén repite actuación un ano máis) continuará hoxe, sábado 5, ás 13 horas coa misa na capela do Porto. Tras o remate da misa dará comezo a sesión vermú a cargo do grupo Fussion, veteráns sobre os escenarios, que celebran este ano o seu décimo aniversario de fundación. A festa seguirá esta noite coa celebración dunha verbena na que volveremos a ver o grupo Fussion, aos que se unirá o grupo Beatriz, unha formación asturiana integrada por oito compoñentes que poñerá ritmo á penúltima noite da Romaría.